Rueda di que "toda España estaba desexando que caese Puente"
O BNG reprocha o PP que pida agora responsabilidades cando mantivo a ministra Pastor durante tres anos logo da traxedia de Angrois: "Aquí houbo un pacto entre o bipartidismo para tapar as súas responsabilidades", sostén Pontón
Besteiro alerta sobre as consecuencias dun pacto entre PP e VOX: "Se non foron capaces sós de garantir dereitos, como o van facer cando pacten con outros?", asegura Besteiro
EFE/Lavandeira jr
A dimisión do ministro de Transportes Óscar Puente pola traxedia de Urda e a proximidade das eleccións xerais marcaron a sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento galego.
Alfonso Rueda asegura que "toda España estaba desexando que caera Puente, e moitos do Partido Socialista", aclara o presidente. O xefe do Goberno galego refírese ao secretario xeral dos socialistas galegos como "o último mohicano" e, tras afear a Besteiro que o denunciara por contestar preguntas parlamentarias durante a precampaña, augura un cambio de rumbo tras as eleccións xerais. "Imos pasar esta temporada. Veremos despois como recuperamos o tempo perdido".
José Ramón Gómez Besteiro denuncia que Galicia non gañou en dereitos sociais desde que o PP chegou ao Goberno da Xunta e alerta sobre as consecuencias dunha alianza entre o PP e Vox. "Cando dous partidos coinciden nos dereitos, a única diferenza está nas siglas. Se non foron capaces de garantir dereitos sós, como o van facer cando pacten con outros?", espétalle.
A líder do BNG, Ana Pontón, reprocha o PP que pida agora responsbilidades cando, durante a traxedia de Angrois, asistimos a un "pacto de silencio do bipartidismo". A portavoz nacional do BNG afirma que o accidente do Alvia deixou "unha ferida aberta en Galicia porque o PP impediu que as vítimas tivesen xustiza, verdade e reparación".
Lembrou Pontón que Feijóo mantivo a Ana Pastor a fronte do Ministerio de Infraestruturas ata tres anos despois do accidente do Alvia e vetou ata en catro ocasións a apertura dunha comisión de investigación parlamentaria.
"Eu agardo que as vítimas de Toledo non teñan que pasar polo calvario das vítimas de Angrois. Aquí houbo un pacto entre o bipartidismo para tapar as súas responsabilidades. Se se fixeran ben as cousas en Angrois, hoxe estariamos nesta situación", pregunta Pontón.
O presidente da Xunta acusa o BNG de usar politicamente a traxedia de Urda. "Que morro ten vostede!", díxolle, tras lembrar que hai seis meses o BNG non apoiou a petición de reprobación de Puente solicitada polo PP no Senado tras o accidente da Adamuz.
"Este é o BNG que temos", afirma Rueda. "Falou do accidente de Angrois e de Urda e non falou de Adamuz. Cando quixemos reprobar o ministro vostedes non foron quen de facelo. Este é o Bloque".
O presidente da Xunta pregúntalle a Pontón se este xoves acudirán a Raxoi ao acto de traspaso das competencias sobre os aeródromos que non son de interese xeral e os permisos de traballo para estranxeiros ou se van ausentar "como fixo co litoral" ou coa entrega das vivendas públicas da Xunta. "O enfurruñamento do BNG está por riba de todo", conclúe.