O futbolista Diogo Jota e seu irmán morren nun accidente de tráfico en Zamora
O turismo en que viaxaban saíu da vía e incendiouse e quedou calcinado na mediana da autovía A-52

O futbolista do Liverpool Diogo Jota, de 28 anos, e o seu irmán André, de 26, faleceron esta madrugada nun accidente de tráfico ocorrido na A52, en Palacios de Seabra (Zamora).
Segundo informan a EFE fontes da investigación, os dous irmáns portugueses morreron a bordo dun Lamborghini que, por causas que se investigan, saíu da autovía das Rías Baixas (A-52) á altura do quilómetro 65, en sentido Benavente, arredor das 00:40 horas.
As fontes consultadas apuntan a que o coche puido sufrir o rebentón dun dos seus pneumáticos mentres realizaba un adiantamento, polo que saíu da vía e incendiouse e quedou totalmente calcinado. O lugar no que se produciu o suceso é un treito recto da autovía.
Os bombeiros extinguiron o incendio, que se propagou á vexetación lindeira, e colaboraron cos servizos sanitarios de Emerxencia e a Garda Civil, en tanto que os servizos de emerxencias só puideron confirmar a morte dos mozos.

O dianteiro Diogo José Teixeira da Silva, coñecido como Diogo Jota, foi xogador do Atlético de Madrid en 2016 e posteriormente xogou no F. C. Porto ata 2018, cando pasou á liga inglesa. Desde 2020 era futbolista do Liverpool.
O seu irmán André Felipe Silva tamén é futbolista. Xogaba no Futebol Clube Penafiel, equipo da segunda división portuguesa.
Familiares dos falecidos desprazáronse desde Portugal a Zamora, onde se lle realiza a autopsia aos cadáveres no Instituto de Medicina Legal e Ciencia Forense.
Segundo detallou o subdelegado do Goberno en Zamora, Ángel Blanco, na autopsia tentaranse obter impresións dixitais e recorrerase a probas de ADN que haberá que remitir a Madrid para a súa análise e a confirmación, desde o punto de vista legal, da identidade das vítimas.
Pola súa banda, a Junta de Castela e León activou equipos de asistencia psicolóxica para atender á familia e servizos de información en portugués e inglés para peticións de información.