Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre unha persoa e outra queda ferida ao bater co coche contra unha casa en Outes

Morre unha persoa e outra queda ferida ao bater co coche contra unha casa en Outes

O sinistro producise pola saída da vía do vehículo en que viaxaban no lugar de Viro, no Cruceiro de Roo

(Imaxe: Bombeiros de Boiro)
G24.gal 01/05/2025 08:34 Última actualización 01/05/2025 14:57

Unha persoa faleceu a primeira hora da mañá deste xoves, pasadas ás 6:00, e outra máis quedou ferida nun accidente de tráfico ocorrido no concello coruñés de Outes.

O sinistro producise pola saída da vía do vehículo no que viaxaban no lugar de Viro, no Cruceiro de Roo, onde bateu contra unha casa. De feito foi un residente na vivenda quen alertou os servizos de emerxencia.

O falecido, duns 30 anos e veciño de Muros, é a persoa que conducía o vehículo sinistrado, segundo informa o 112 Galicia, que tivo que ser liberado do interior do coche, no que quedara atrapado, por efectivos dos bombeiros de Boiro de do GES de Noia. Porén, xa nada puideron facer por el, xa que faleceu no mesmo momento do impacto.

A persoa ferida no sinistro, en principio de carácter leve, de 26 anos, tamén ía no interior do coche e tamén tivo que ser liberado polos servizos de emerxencia. Foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario.

A Garda Civil investiga as causas do sinistro. Segundo parece o falecido non levaba o cinto de seguridade no momento do impacto contra a casa.

A gran despregadura de efectivos de emerxencia alertou aos veciños da zona e fíxolles lembrar os numerosos accidentes que se rexistraban nese mesmo punto hai un tempo.

Lita, unha veciña do Viro, explica que iso pasaba hai uns trinta anos, cando cambiaron a estrada. Di que todos os días había algún coche que batía na esquina da mesma casa. Os seus habitantes din que chegaron a contar ata douscentos ata que cambiaron un asfalto que coa chuvia se convertía nunha pista de patinaxe. A partir diso reducíronse os accidentes e ata hoxe nunca se rexistrara ningún mortal. 

A estrada AC-550 estivo cortada no Viro ata pasadas as nove da mañá. Amais do amplo destacamento de atestados que se encargou da xestión do accidente e a toma de datos para a investigación, na zona confluíron de mañanciña bastantes efectivos da Garda Civil, porque xa estaban previstos controis en todas as saídas de Outes, coincidindo coa celebración da popular Festa do Pampallín na Serra. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade