Morre o empresario vigués Fernando Fernández Tapias aos 84 anos
A súa actividade empresarial estivo principalmente vinculada ao sector navieiro
O empresario vigués Fernando Fernández Tapias faleceu este mércores en Madrid aos 84 anos.
Nao en Vigo o 24 de novembro de 1938, a actividade profesional de Fernández Tapias estivo ligada ao mundo navieiro desde que aos 15 anos comezase a traballar na empresa conserveira do seu pai.
Fundou a empresa Interoll, máis tarde rebautizada como Navieira Fernández Tapias, así como outras como Amura, Roda, Conservas Peña ou Conservas Portonovo, ata que en 1978 foi nomeado presidente da Asociación de Navieros Españois.
Entre outras responsabilidades empresariais tamén exerceu como conselleiro de Unión Fenosa, Viaxes Marsáns e Construcións OHL.
Entre 1985 e 2002 foi presidente da Confederación Empresarial Madrid-CEOE. En 2002, e nunhas eleccións marcadas pola polémica, foi elixido presidente da Cámara de Comercio de Madrid, cargo que ostentou ata 2006.
Tamén foi vicepresidente primeiro do Real Madrid Club de Fútbol. Accedeu ao cargo coa chegada de Florentino Pérez á entidade branca. Posteriormente viuse obrigado a dimitir por irregularidades co voto por correo. Porén volveu a esa vicepresidencia en 2009, cargo que exercía na actualidade.
Gran afeccionado aos cabalos e aos touros e habitual na prensa do corazón dos anos noventa, o empresario estaba casado na actualidade con Nuria González, coa que tivo dous fillos, que se suman aos seis máis que tivo en dous matrimonios anteriores.
Era tío da actual vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra e líder do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, quen cancelou a súa axenda oficial prevista para este mércores.