Morre aos 91 anos Jane Goodall, referente mundial no estudo dos chimpancés
A etóloga británica faleceu por causas naturais en California durante a súa xira de conferencias
A súa investigación en Tanzania revolucionou a ciencia do comportamento animal

A etóloga británica Jane Goodall, considerada a maior experta mundial en chimpancés, morreu aos 91 anos en California, nos Estados Unidos, por causas naturais.
O Instituto Jane Goodall confirmou o falecemento este mércores a través dun comunicado en redes sociais.
Goodall, nacida en Londres o 3 de abril de 1934, foi pioneira no estudo dos chimpancés en liberdade.
Durante máis de 60 anos dedicou a súa vida á investigación destes primates, dos que descubriu condutas e habilidades descoñecidas ata entón.
Os seus achados supuxeron unha achega decisiva para comprender as raíces do comportamento e da cultura humanas.
Unha vida entregada á ciencia e á conservación
Dende nena viviu rodeada de animais, mais foi aos 23 anos cando viaxou por primeira vez a África cun proxecto que ía durar seis meses e acabou marcando toda a súa vida.
No parque de Gombe, en Tanzania, descubriu que os chimpancés comen carne, fabrican ferramentas, utilizan plantas como medicinas, adoptan crías orfas e transmiten coñecementos, ademais de expresar sentimentos como amor, celos ou ira.
Doutorouse en Etoloxía pola Universidade de Cambridge en 1965 e escribiu unha vintena de libros, entre eles En la senda del hombre (1971), considerado unha das obras científicas máis importantes do século XX. Tamén publicou numerosos artigos e protagonizou producións audiovisuais.
Goodall recibiu un centenar de distincións, entre elas o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica (2003), o título de Dama do Imperio Británico ese mesmo ano ou a Medalla de Ouro da UNESCO (2006). Foi doutora honoris causa por 45 universidades, incluída a Complutense de Madrid.
Casou en 1964 co fotógrafo de National Geographic Hugo van Lawick, co que tivo un fillo, Hugo Eric Louis. Tras divorciarse dez anos despois, volveu casar en 1975 co británico Derek Bryceson, falecido en 1980.
O Instituto Jane Goodall destacou que os seus descubrimentos revolucionaron a ciencia e lembrou o seu labor incansable na defensa e restauración do mundo natural.