Falece o concelleiro socialista de Lugo Pablo Permuy
O edil entrou na corporación en 2023 e ocupábase das áreas de Economía e xestión de Persoal
O Concello de Lugo declara tres días de loito oficial e sinala que a perda de Permuy deixa unha pegada imborrable na cidade

O concelleiro socialista Pablo Permuy faleceu esta madrugada no hospital Lucus Augusti tras máis dun ano de enfermidade.
Permuy formaba parte da corporación municipal de Lugo desde 2023, cando foi incorporado pola exalcaldesa Lara Méndez. Levaba as áreas de Economía e Persoal do Concello, pero puido exercer pouco tempo debido á súa enfermidade. A súa morte obrigará o goberno de Lugo a unha nova reestruturación, tras un mandato de moitos cambios logo do inesperado falecemento, hai uns meses, da alcaldesa Paula Alvarellos.
O concello decreta tres días de loito polo falecemento de Permuy
Pablo Permuy desenvolveu unha longa carreira deportiva, como xogador e adestrador de balonmán, e ocupou postos de xestión económica no Sergas.
Na corporación expresan o seu fondo pesar polo falecemento do concelleiro. Aseguran que é unha perda irreparable e trasladan o seu pesar á familia, amizades e compañeiros de Permuy. Aseguran que o seu paso polo Concello deixa unha pegada imborrable na cidade.
Como mostra do pesar, o Concello de Lugo declara tres días de loito oficial ata o domingo 28 de setembro e suspende o pleno ordinario que se ía celebrar este xoves e todos os actos oficiais organizados polo goberno local.
Ademais, ata o domingo, as barracas do San Froilán funcionarán pero farano sen música por "respecto institucional e social" nestes días "difíciles" para a cidade de Lugo.