Publicador de contidos

Publicador de contidos

García Ortiz defende a súa inocencia e di que foi vítima dunha campaña de desinformación

García Ortiz defende a súa inocencia e di que foi vítima dunha campaña de desinformación

No escrito de defensa presentado ante o TS o fiscal xeral do Estado explica que actuou para non prexudicar "a imaxe e o prestixio da Fiscalía"

Denuncia unha "operación perfectamente orquestrada" desde a Comunidade de Madrid para presentar a parella de Díaz Ayuso como  "vítima dunha operación política"

Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 25/09/2025 10:24

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, reitera que nunca cometeu ningún delito e defende a súa actuación en defensa do prestixio da Fiscalía ante unha "operación perfectamente orquestrada" desde a Comunidade de Madrid para presentar ao noivo de Isabel Díaz Ayuso como "vítima dunha operación política".

A Avogacía do Estado remitiu ao Tribunal Supremo o escrito de defensa de García Ortiz, para quen as acusacións piden entre 4 e 6 anos de cárcere pola filtración dun correo do 2 de febreiro de 2024. Nel, o avogado de Alberto González Amador, parella de Díaz Ayuso, admitía que o seu cliente defraudara a Facenda 350.951 euros para chegar a un pacto coa Fiscalía.

Os argumentos da defensa de García Ortiz

O escrito remitido pola defensa do fiscal xeral ao TS recolle que "os feitos atribuídos non constitúen ilícito ningún penal, non existindo responsabilidade penal por parte do fiscal xeral" dado que "non existiu feito delituoso".

Pide así a súa absolución do delito de revelación de segredos, á vez que expón citar como testemuñas a González Amador, o seu avogado, o xefe de gabinete de Díaz Ayuso, Miguel Ángel Rodríguez e a fiscais e xornalistas.

Segundo este escrito, as comunicacións mantidas por García Ortiz responden ao "lexítimo exercicio das súas competencias como fiscal xeral para evitar o prexuízo para a imaxe e o prestixio da Fiscalía" e os seus membros, "cuxa honradez e profesionalidade s se comprometeron por unha campaña de desinformación".

Denuncia unha campaña que forma parte dunha "operación perfectamente orquestrada desde o aparato institucional da Comunidade de Madrid para contrarrestar a repercusión política negativa" que tería a publicación dunha denuncia contra Alberto González Amador por defraudar o fisco.

Segundo relata a Avogacía, o director de gabinete da presidenta madrileña deseñou unha estratexia a partir da construción dun "relato alternativo" que presentaba ao noivo de Ayuso como "a vítima dunha operación política" orquestrada desde Facenda e Fiscalía.

Saír ao paso de "informacións inveraces"

O escrito defende a decisión de García Ortiz de pedir, en base ao Estatuto da carreira, os correos entre o fiscal e o avogado de González Amador e así informar de forma veraz cunha nota de prensa tras a difusión de "informacións inveraces".

Menciona, por exemplo, a publicación o 13 de marzo do diario El Mundo dunha "información terxiversada" que atribuía á Fiscalía a iniciativa do pacto, e subliña as "graves acusacións" contra a institución de Miguel Ángel Rodríguez, cunha "versión manipulada dos feitos" que despois apareceu en varios medios.

Pero, incide, non foi ata esa publicación cando soubo da existencia de correos e subliña que ese día polo menos dous xornalistas tiveron acceso antes que el ao polémico correo polo que será xulgado.

Un correo ao que, ademais, puideron ter acceso 600 persoas, xa que a defensa de González Amador enviouno a unha conta xenérica de Fiscalía e a un avogado do Estado, rompendo "calquera suposta confidencialidade".

O fiscal xeral xustifica o borrado do seu móbil, "como facía con regularidade no desempeño da súa función e de maneira segura", en atención a documentos oficiais sobre protección de datos; e a eliminación da súa conta persoal de Gmail ao recibir mensaxes "incómodas e en ocasións hostís" tras a filtración dun informe da UCO con datos persoais sen borrar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade