Falece o empresario José María Castellano, clave na expansión de Inditex
Durante máis de vinte anos ocupou os postos directivos de máis alta responsabilidade no grupo liderado por Amancio Ortega
Tras a súa saída de Inditex presidiu ONO, Novagalicia Banco e pasou por outras empresas do sector téxtil como Adolfo Domínguez, Puig, Tous ou Bimba y Lola
Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra)
O empresario coruñés José María Castellano faleceu este mércores aos 78 anos de idade. Da súa longa traxectoria no mundo empresarial, iniciada nos anos 70, será recordado sobre todo polo seu traballo en Inditex, sendo a man dereita de Amancio Ortega durante uns vinte anos nos que a multinacional téxtil se expandiu por todo o mundo.
Nacido na Coruña en 1947, Castellano era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade e Santiago e máis tarde doutor na mesma disciplina pola Complutense de Madrid.
Tras os seus primeiros traballos, no ano 1984 desembarca en Inditex, onde permanece durante 20 anos, alcanzando os máis altos postos de responsabilidade na compañía. En 1997 convértese en conselleiro delegado e vicepresidente da compañía.
Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra)
En setembro de 2005 deixa Inditex, logo dunhas desavinzas con Ortega pola operación para a adquisición de Unión Fenosa.
A continuación pasa a presidir o grupo de telecomunicacións ONO, onde permanece ata a venda a Vodafone en 2014.
Entre mentres, en 2011 é o elixido pola Xunta para pilotar o proxecto de NovaCaixaGalicia, posteriormente Novagalicia Banco. Permaneceu no posto ata a venda por parte do FROB á venezolana Banesco, do empresario Juan Carlos Escotet.
Tras a súa saída de ONO regresa ao mundo téxtil, onde ocupa cargos de responsabilidade e asesoría en diversos grupos. Formou parte do consello de administración de Adolfo Domínguez, do grupo Tous ou do grupo Puig. En 2020 convértese en conselleiro delegado de Bimba y Lola, cargo que abandonou en marzo deste mesmo ano.
Na actualidade era presidente non executivo da enerxética Greenalia e, a nivel internacional, participaba na alemá Espirit, tamén do sector téxtil.
Amais da súa faceta como empresario, destacou tamén pola súa dedicación á docencia. Era catedrático de Economía financeira e contabilidade na Universidade da Coruña e membro da Academia de Ciencias Económicas e Financeiras.
Castellano estaba casado con María Teresa Vázquez Abad e tiña dous fillos.
Amancio Ortega lamenta o falecemento de Castellano
O fundador de Inditex, Amancio Ortega, lamentou "profundamente" o falecemento de José María Castellano, unha figura "esencial" na historia do grupo galego.
"Lamento profundamente o falecemento de José María Castellano, unha figura esencial na historia de Inditex e, por encima de todo, unha gran persoa, como sabemos todos os que tivemos a sorte de coñecelo e de contar coa súa colaboración", subliñou Ortega.
"As miñas máis sinceras condolencias para os seus seres queridos por esta triste perda, un sentimento que compartimos cantos formamos parte desta empresa", engadiu o fundador de Inditex, quen afirmou que a súa marcha representa tamén unha "gran perda" para o mundo empresarial de Galicia e de España, no que "José María sempre destacou pola súa brillantez, profesionalidade e compromiso persoal".
"Todos en Inditex admiramos a Caste, e sempre ocupará un lugar moi especial no corazón da compañía", destacou o fundador de Inditex.