Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta presentará en outubro o protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF

A Xunta presentará en outubro o protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF

A proposta será remitida á Fegamp, segundo anunciou no Parlamento Alfonso Rueda

Pontón acusa a Xunta de "desprotexer" este colectivo que fai un traballo "moi duro en condicións precarias"

O Parlamento galego garda un minuto de silencio polo "xenocidio" en Gaza

 

EFE/Lavandeira jr EFE/Lavandeira jr
G24.gal 24/09/2025 12:24

O presidente anunciou no Parlamento a presentación dun protocolo de seguridade ante posibles casos de abuso ou acoso ás traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar. Faino dous meses despois do asasinato en xullo no Porriño de Teresa de Jesús, unha traballadora do fogar de 45 anos asasinada polo esposo dunha muller dependente á que ela coidaba.

A portavoz nacional do Bloque lamentou que 56 días despois deste crime a Xunta "non tomase ningunha medida" e puxo o acento nas condicións de traballo destas mulleres.

Segundo Ana Pontón, "fan un traballo moi duro en condicións precarias", con soldos que e sitúan por baixo do salario mínimo interprofesional. "Que fai vostede? -pregúntase a líder do BNG-. Nada. Desprotéxeas, cando permite que doce mil mulleres traballen en condicións de precariedade cun convenio que leva trece anos caducado e vostede sen mover un dedo".

Rueda afirma que a Xunta non ten responsabilidade neste caso, di que elas son traballadoras municipais "por unha decisión impulsada polo bipartito" e avanza a presentación en outubro ante a Fegamp dun protocolo de seguridade e actuación ante estes casos de acoso.

"Está máis desconectado da realidade que Altri da liña eléctrica", dille Besteiro a Rueda

No pleno, o presidente responsabilizou o líder dos socialistas de "deixar toda a provincia de Lugo sen acceso á conexión eléctrica" despois de que Besteiro anunciara que o Goberno denegou a Altri unha subestación e a conexión eléctrica.

Este respondeulle dicíndolle: "Está vostede máis desconectado da realidade que Altri da liña eléctrica".

Na sesión, o líder do PSdeG acusou a Xunta de contribuír á "política do odio"e de "contaxiarse" das políticas da ultradereita creando o "centro de concentración para menores non acompañados" en Monforte de Lemos atacado a pasada fin de semana.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recriminoulle que empregue estes termos, acusouno de caer en contradicións e lembroulle a proposta do Goberno central de crear un centro de acollida a refuxiados en Castro de Rei.

"Se o fan vostedes non pasa nada, pero se o fan os demais... Vostede retrátase", díxolle o presidente a Besteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade