Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro avanza que o Goberno denegará a conexión eléctrica a Altri en Palas de Rei

Besteiro avanza que o Goberno denegará a conexión eléctrica a Altri en Palas de Rei

Besteiro salienta o "triplo non" do Goberno a Altri e afirma que será excluída da planificación eléctrica 2025-2030

Alfonso Rueda afea que fose "un deputado do terceiro partido no Parlamento" quen fixese o anuncio e di que se demostra que a decisión non está motivada por criterios técnicos

Pontón: "Os diferentes gobernos fan ben se toman nota da posición maioritaria dos galegos e inviabilizan un proxecto que é claramente unha hipoteca para o futuro do noso país"

G24.gal 22/09/2025 11:59 Última actualización 22/09/2025 14:42

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanza que o Goberno central denega a subestación eléctrica de Altri que demandaba para o seu proxecto en Palas de Rei (Lugo), así como a conexión eléctrica necesaria para o seu funcionamento.

Nunha comparecencia de prensa en Santiago, Gómez Besteiro afirmou que Altri será excluída da planificación eléctrica 2025-30 ao non cumprir cos requisitos necesarios.

Agora, está pendente unha reunión este martes, 23 de setembro, entre representantes do Goberno central e a Xunta para trasladar esta decisión. "Supoño que chegará momento de que se faga esa comunicación", explicou Besteiro.

O triplo non do Goberno a Altri

A preguntas dos medios, Besteiro sostén que "non se trata de desvelar" esta negativa, senón que fai esta valoración con base nos "requisitos" necesarios socioeconómicos e ambientais. "Non fago ningún tipo de anuncio gobernamental, que non é o meu papel", dixo, tras apuntar que o Goberno "tomará" esta decisión.

De tal forma, o líder dos socialistas galegos resalta o "triplo non" do Goberno a Altri tras descartar que teña axudas do PERTE de descarbonización e de axudas europeas "de forma extraordinaria" por 250 millóns.

Alfonso Rueda: "Todos aqueles que dicían que se basearían en criterios técnicos, era mentira"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou con dureza que fose Gómez Besteiro quen trasladase o anuncio da decisión do Goberno. Sen citalo, Rueda referiuse a el como "un deputado do terceiro partido do Parlamento de Galicia".

Para Rueda "é unha mostra de que vai todo isto". "Se alguén atopa normal que un anuncio do Goberno, cando a Xunta non ten ningún coñecemento da resolución, o faga un deputado da oposición xa se poden facer unha idea de como está funcionando todo isto dese o principio", manifestou o presidente galego na conferencia de prensa tras a finalización da reunión semanal do Consello da Xunta.

"Todos aqueles que dicían que se basearían en criterios técnicos e nada máis para tomar decisións demostraron que era mentira", dixo Rueda.

Pontón valora que o Goberno "tome nota" e impida a implantación de Altri en Galicia

A líder do BNG, Ana Pontón, valorou este luns que o Goberno central "tome nota" do rexeitamento social ao proxecto da multinacional lusa Altri de construír unha planta de celulosa e fibra téxtil no municipio lucense de Palas de Rei e adopte decisións que "inviabiliza" colocar "unha bomba ambiental no corazón" de Galicia.

A dirixente nacionalista galega considera "evidente que hai unha maioría social que rexeita que nos coloquen unha bomba ambiental no corazón de Galicia" e máis aínda despois dos "dramáticos incendios" deste verán.

Permitir a instalación da fábrica que proxecta Altri en Galicia "sería ir en contra do sentido común" porque o territorio galego "non necesita máis eucaliptos senón un monte ordenado", comentou Pontón.

Na súa opinión, "os diferentes gobernos fan ben se toman nota da posición maioritaria dos galegos e inviabilizan un proxecto que é claramente unha hipoteca para o futuro do noso país", sentenciou Pontón.

Nos últimos meses, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, denunciou a falta de conexión por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica á planta de Altri. "Unha fábrica se non se pode enchufar, non pode funcionar", clamou no Parlamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade