Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSdeG afronta con optimismo as municipais de 2027

O PSdeG afronta con optimismo as municipais de 2027

Gómez Besteiro anunciou que celebrará un Consello de alcaldes antes de que remate o ano para "tomar decisións que protexan os servizos públicos"   

Os socialistas galegos celebran hoxe en Santiago un Comité Nacional para culminar o proceso de renovación dos seus órganos

G24.gal 15/11/2025 13:56 Última actualización 15/11/2025 15:21

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixou "a primeira meta" dos socialistas galegos nas eleccións municipais do ano 2027, que afronta, asegurou, con perspectivas positivas e coa confianza de que será "un ano positivo para o PSOE, para Galicia e para España".  

"É un proceso de ir avanzando na procura de atopar aos mellores candidatos, unha posición de referencia de cara ao conxunto da sociedade, en definitiva, unha posición que nos refire como un partido claramente municipalista", proclamou ante máis de 140 militantes inscritos no Comité Nacional que se celebra este sábado en Santiago.  

Así, Besteiro iniciou a súa intervención poñendo o foco nun contexto actual de "extraordinaria dificultade" no ámbito internacional e cunha "ultradereita que inflúe cada vez máis nas institucións e na política".   En Galicia, o líder do PSdeG reprochou a posición "lamentable" dos populares "fronte aos migrantes non acompañados".

Ademais, avanzou que convocará antes de final de ano o Consello de alcaldes e alcaldesas para "analizar o financiamiento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e tomar decisións sobre o ataque furibundo que se lle está facendo ao mundo local por parte do PP".  

"ALTERNATIVA Á DEREITA"  

Do mesmo xeito, Besteiro aproveitou a súa intervención para reivindicar ao PSOE como "a alternativa á dereita en Galicia" fronte a un PPdeG "cómodo" co BNG como líder da oposición.   Tras recoñecer que a "realidade institucional" no ámbito autonómico" non é "a máis favorable", apuntou que a posición do BNG como líder da oposición "non é de goberno", polo que cre que "topa con ese teito visible ou invisible de que se converta nunha alternativa de Goberno".   Unha posición que, ao seu xuízo, "interesa ao PP" porque "lle permite vivir nunha comodidade electoral". 

DESIGUALDADES  

Tamén remarcou que un dos obxectivos do PSOE é a "loita contra as desigualdades" fronte á "falta de políticas da Xunta que, subliñou, ten problemas "especialmente graves": "22.700 persoas esperando vivenda pública, 360.000 galegos á espera dunha cita médica, 349 días de media para resolver unha axuda á dependencia".    Nesta liña, acusou ao PPdeG de non executar os orzamentos de vivenda, "recortar" en dependencia e non contratar a persoal sanitario suficiente". Así, finalizou a súa intervención apelando á "unidade" e á "mobilización".

"Fronte á Galicia das desigualdades, aquí estamos nós, traballando para romper un sistema inxusto. Eu vou pór todo o que teño. Pero isto non vai de heroes en solitario: vai de equipo. Ninguén chega só e Galicia non vai avanzar se non avanzamos xuntos", concluíu o líder socialista, que este sábado fai 58 anos e soprou as candeas ao final da súa intervención. 

COMISIÓN DE LISTAS 

Este Comité pretende culminar o proceso de renovación das estruturas do partido, que arrincou coa celebración do XV Congreso do PSdeG.   Así, un dos temas previstos na orde do día da convocatoria deste sábado é a constitución da Comisión Nacional de Listas que, segundo recollen os estatutos da formación, estará formado por membros da executiva do PSdeG e do Comité Nacional. Nela, os integrantes elixidos polo máximo órgano de decisión entre congresos deberán ser maioría.   Entre as súas funcións, emitir un ditame previo á aprobación definitiva por parte do Comité Nacional dos candidatos e as candidaturas nos diferentes procesos electorais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade