Publicador de contidos

Publicador de contidos

António Costa convoca doce líderes do G20 para falar do futuro de Ucraína

António Costa convoca doce líderes do G20 para falar do futuro de Ucraína

España é un dos países convidados a esta xuntanza nas marxes do cume do G20 que se desenvolve en Johannesburgo

Enriba da mesa está o ultimato de Trump a Zelenski para que responda nunha semana sobre o plan de paz da Casa Branca

António Costa e Ursula von der Leyen en Johannesburgo. REUTERS/Yves Herman António Costa e Ursula von der Leyen en Johannesburgo. REUTERS/Yves Herman
G24.gal 22/11/2025 10:35 Última actualización 22/11/2025 11:04

O presidente do Consello Europeo, António Costa, convocou este sábado doce líderes dos países do G20 (grupo de países desenvolvidos e emerxentes) a unha reunión para debater o futuro de Ucraína, segundo informan fontes oficiais.

"Como saben, están a levarse a cabo intensos esforzos diplomáticos arredor do plan de paz para Ucraína, á marxe da reunión do G20," sinalou a fonte tras coñecérense os detalles da proposta da Casa Branca para poñer fin á guerra.

Os países convidados son España, Francia, Alemaña, o Reino Unido, Italia, Noruega, o Canadá, o Xapón, Australia, Finlandia, Irlanda e os Países Baixos.

A reunión prodúcese nas marxes do cume do G20 en Johannesburgo, onde están a abordar os retos globais do comercio, a débeda, o desenvolvemento, a xeopolítica ou a transición enerxética.

Plan de paz de Trump

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, deulle este venres a Ucraína un prazo de menos dunha semana para responder se acepta o plan de paz da Casa Branca que o líder do Kremlin, Vladímir Putin, ve con bos ollos.

O plan de 28 puntos, filtrado a medios estadounidenses, inclúe liñas vermellas para Kíiv, como a redución do seu Exército a un máximo de 600.000 efectivos ou a cesión a Rusia de territorios que non foron conquistado militarmente por Moscova.

Compromiso con Zelenski

Costa e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, reiteráronlle este mesmo venres ao presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, que calquera plan de paz para este país debe implicar a Kíiv.

Ambos os dous líderes europeos mantiveron unha xuntanza coa primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e co presidente francés, Emmanuel Macron.

Costa tamén reunirá para falar sobre Ucraína os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) que se despracen a Angola para o cume entre a UE e a Unión Africana os vindeiros 24 e 25 de novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade