Putin afirma que recibiu o plan de paz e que pode ser a base dun arranxo pacífico "definitivo"
Di que necesitará facer unha "análise exhaustiva" dos detalles do plan de Trump
Vladimir Putin (Reuters)
O presidente de Rusia, Vladímir Putin, confirmou este venres que recibiu o plan de paz para Ucraína elaborado polos Estados Unidos e afirmou que o documento pode servir de base para un arranxo pacífico "definitivo".
"Temos este texto, recibímolo a través das canles de comunicación existentes coa Administración estadounidense", dixo o xefe do Kremlin ao comezo dunha reunión telemática con membros do Consello de Seguridade ruso.
Putin, afirmou que o plan de paz de 28 puntos para Ucraína proposto polo seu homólogo estadounidense, Donald Trump, requirirá unha "análise exhaustiva" por parte de Moscova.
"Como dixen en repetidas ocasións, estamos dispostos a dialogar e a resolver os problemas pacificamente. Isto require, por suposto, unha análise exhaustiva de todos os detalles do plan proposto polos Estados Unidos. Estamos preparados para iso", dixo.
Putin afirmou que Kiiv e os seus aliados europeos aínda queren conseguir unha derrota estratéxica de Rusia.
"O máis probable é que esta postura estea relacionada coa falta de información obxectiva sobre a situación real no campo de batalla", asegurou, e lembrou as recentes conquistas territoriais rusas, incluída a cidade de Kúpiansk, na rexión de Járkov.
O líder ruso advertiu de que no caso de persistir no rexeitamento das propostas de Trump, as autoridades ucraínas verán como "os sucesos en Kúpiansk se repiten inevitablemente noutras zonas clave da fronte".