Detido Bolsonaro de xeito preventivo tras tentar rachar a súa pulseira electrónica
Segundo a Corte Suprema, quería fuxir durante unha manifestación convocada fronte á súa casa por un fillo
O líder ultradereitista, condenado por intento de golpe de estado, estaba baixo arresto domiciliario
Bolsonaro durante o arresto domiciliario. REUTERS/Mateus Bonomi
A Policía Federal do Brasil detivo de xeito preventivo o expresidente brasileiro Jair Bolsonaro por tentar rachar a pulseira electrónica que fiscalizaba os seus movementos para fuxiren durante unha manifestación convocada fronte á súa casa por un dos seus fillos.
O líder ultradereitista de 70 anos, condenado a 27 anos de cárcere por intento de golpe de estado, foi conducido a instancias policiais para "garantir a orde pública", segundo xustifica a Corte Suprema na súa decisión.
De acordo coa orde de prisión, as autoridades detectaron unha "violación do equipamento de vixilancia electrónica" que levaba o exmandatario ás 00:08 hora local deste sábado.
"A información confirma a intención do condenado de romper a pulseira electrónica para asegurar o éxito da súa fuga, facilitada pola confusión causada pola manifestación convocada polo seu fillo", di o auto do xuíz Alexandre de Moraes, relator do proceso.
O maxistrado lembra que outros aliados do ex xefe de Estado (2019-2022) condenados ou procesados por prácticas golpistas fuxiron do país recentemente, entre eles o seu fillo, o deputado Eduardo Bolsonaro, e o exxefe dos servizos de Intelixencia Alexandre Ramagem.
A orde de prisión preventiva responde a unha petición da Policía Federal despois de que outro dos fillos do expresidente, o senador Flávio Bolsonaro, convocara unha "vixilia" fronte á casa do seu pai, que ten varios problemas de saúde.
"En risco a orde pública"
Para De Moraes, esa protesta tiña a finalidade de obstruír a fiscalización da prisión domiciliaria á que estaba sometido Bolsonaro desde o pasado 4 de agosto por incumprir unha serie de medidas cautelares no marco do proceso por golpismo.
Ao seu xuízo, "a suposta vixilia" poñía "en risco a orde pública e a efectividade da lei penal".
"O tumulto provocado pola reunión ilícita de partidarios do acusado condenado ten unha alta probabilidade de poñer en risco a prisión domiciliaria imposta e a efectividade das medidas cautelares, facilitando un eventual intento de fuga do acusado", engadiu.
O 11 de setembro Bolsonaro foi condenado pola Primeira Sala do Supremo por tentar "perpetuarse" no poder co apoio de antigos ministros e mandos militares, tras perder as eleccións de 2022 fronte ao actual gobernante, o progresista Luiz Inácio Lula da Silva.
A prisión preventiva deste sábado non se trata do inicio da execución da pena, que se agardaba para as vindeiras semanas, tras o rexeitamento por parte do Supremo dos primeiros recursos de apelación contra a sentenza.