Morre a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos a consecuencia do infarto que sufriu este venres
Alvarellos, de 61 anos, faleceu no CHUAC, a onde fora trasladada debido ás complicacións que presentaba
O nacionalista Rubén Arroxo asume a alcaldía de xeito provisional
O Concello de Lugo declara tres días de loito, suspende todos os actos de Entroido e convoca un minuto de silencio ás oito desta tarde
A alcaldesa de Lugo, a socialista Paula Alvarellos, faleceu nas últimas horas no CHUAC. Fora trasladada ao complexo hospitalario da Coruña logo de sufrir un infarto cando se dirixía na tarde do venres ao pregón das festas do Entroido, que finalmente foi suspendido.
Inicialmente foi atendida na propia praza Maior por Olga Goás, unha concelleira do PP que é médica, e pola enfermeira e edil socialista Olga López Racamonde, que acudían tamén ao pregón. Logo foi evacuada en ambulancia ao hospital Lucus Augusti, onde se lle practicou un cateterismo. Ante as complicacións que presentaba, e por se fose necesaria unha intervención cirúrxica, foi evacuada ao complexo hospitalario coruñés, onde finalmente faleceu.
Nun primeiro momento, as persoas que a acompañaban na praza Maior de Lugo pensaron que era tan só un mareo derivado do proceso vírico que sufría desde hai uns días. Malia que nos primeiros momentos permaneceu consciente, os facultativos do HULA comprobaron que sufrira un grave episodio cardíaco, polo que decidiron trasladala ao CHUAC. Alí foi operada de urxencia e trasladada á uci, pero ao parecer sufriu complicacións que obrigaron a levala de novo a quirófano, onde os cirurxiáns non puideron facer xa nada por salvarlle a vida.
Natural de Ponteceso e avogada de profesión, tiña 61 anos. Chegou á corporación municipal nas eleccións de 2019, e formou parte do equipo da exalcaldesa Lara Méndez como responsable de concellerías como a de Gobernanza, Economía e Recursos Humanos. Paula Alvarellos asumira a alcaldía en xaneiro do ano pasado logo da renuncia de Méndez, que se presentou ás eleccións autonómicas como número dous do líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro.
Logo da morte de Paula Alvarellos o seu primeiro teniente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo, asume provisionalmente o bastón de mando.
Arroxo amosaba a súa consternación pola morte de Alvarellos.
Non hai palabras. Día durísimo. Toda a forza para a familia.
— Rubén Arroxo (@Ruben_Arroxo) March 1, 2025
Que a terra che sexa leve, Paula.
Tamén a líder da oposición municipal, a popular Elena Candia, amosou nas redes sociais a súa "profunda dor".
Non hai palabras para definir a perda dunha compañeira.
— Elena Candia (@ElenaCandiaLu) March 1, 2025
🖤 Profunda dor🖤#DEP #Lugohttps://t.co/76kHCi4qBu
Tamén a súa predecesora no cargo, a actual deputada autonómica Lara Méndez, amosaba a súa dor pola morte da que foi unha das súas principais colaboradoras durante máis de catro anos.
É un día de moita dor polo falecemento de Paula. Foise unha amiga, unha colaboradora estreita coa que compartín charlas, risas e anos de xestión, unidas polo noso amor a Lugo. pic.twitter.com/9m0yYDhegH
— Lara Méndez López (@LaraMendezLopez) March 1, 2025
Tres días de loito oficial, minuto de silencio e suspensión de todos os actos de Entroido
O Concello de Lugo declarou tres días de loito, entre as 13:00 horas deste sábado e as 13:00 do martes, e suspendeu todos os actos oficiais, particularmente os do Entroido.
A primeira tenencia de alcaldía do Concello, xestionada polo BNG, informou este sábado aos medios de comunicación da cancelación das festividades.
Durante as tres xornadas de loito, as bandeiras do consistorio e do resto de dependencias municipais ondearán a medio hasta, tal e como informa o Concello nun comunicado no que mostra o pesar tanto do goberno local como da corporación, que acompañan a familia, amizades e compañeiros de Alvarellos "nun momento de enorme dor para a cidade".

Ademais, convocou un minuto de silencio para as oito da tarde deste sábado. Así mesmo, o salón de plenos do concello, onde haberá un libro de condolencias, permanecerá aberto este sábado ata as dez da noite. Tamén o domingo e o luns entre as 10 e as 14 horas.
O Concello de Lugo agradece as "innumerables mostras de agarimo" que están a mostrar autoridades, institucións, entidades do tecido asociativo, clubs deportivos "e, en xeral, de toda a sociedade lucense".
"Un reflexo do profundo aprecio e respecto que suscitaba Paula", engade o comunicado, que destaca "a pegada" que Alvarellos deixou "en tantas persoas".
"Quen tivo a sorte de compartir con ela esta aventura, de traballar ao seu lado, sabe que Paula Alvarellos foi moito máis que unha alcaldesa. Era unha persoa próxima e empática, alguén que sabía escoitar, unir equipos e crear espazos de confianza e motivación", subliña o Consistorio.
Ás portas da casa do concello, a concelleira socialista Ana Abelleira compareceu ante os medios de comunicación, visiblemente emocionada, para manifestar o "profundo pesar" do goberno local e da corporación, á vez que daba as súas "condolencias" a familiares, amizades, coñecidos e veciños que tiveron "a sorte" de coñecela.
"Unha muller alegre, chea de vida, unha muller compañeira dos seus compañeiros, que fai equipo. Lamentablemente, deixounos demasiado pronto e con moito traballo por facer, así que honremos a súa pegada e sexamos capaces de superar este transo porque é un día moi doloroso para as súas compañeiras e para toda a cidade", declarou Abelleira.