Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenan o Estado, a Xunta e o Concello de Ribadeo pola morte dunha moza nas Catedrais

Condenan o Estado, a Xunta e o Concello de Ribadeo pola morte dunha moza nas Catedrais

As administracións e varias aseguradoras terán que indemnizar a familia da vítima con 73.200 euros 

Na sentenza, a Audiencia Nacional considera responsables as tres administracións por non cortar o acceso á praia malia que xa houbera dous desprendementos o día dos feitos 

Carlos Castro / Europa Press (Arquivo) Carlos Castro / Europa Press (Arquivo)
G24.gal 31/03/2026 15:28

A Audiencia Nacional condenou o Estado, a Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo e varias aseguradoras a indemnizar con 73.200 euros a familia dunha moza de Valladolid que o 31 de marzo de 2018 morreu na praia das Catedrais ao desprendérense pedras na cova que visitaba.

A sentenza da Sección Primeira da Sala do contencioso-administrativo, á que tivo acceso EFE, ve responsabilidade das tres administracións na morte da moza, ocorrida en Semana Santa, despois de días de borrasca e tras dous desprendementos ocorridos ese día que non levaron a pechar o acceso, controlado por unha empresa externa.

Os maxistrados consideran que a vítima e o seu acompañante debían coñecer que o lugar non era totalmente seguro, porque así se advertía nas autorizacións dos visitantes, pero agrega que o aumento do risco aquel día, tras a choiva, "debía ser tamén evidente para as administracións demandadas", e, con todo, non había un plan de actuación nin de peche total ou parcial do acceso.

Nestas circunstancias, "a culpa da vítima, que accedeu ao lugar porque viu que outras moitas persoas o facían, á vista do persoal encargado do control da paraxe", non despraza "totalmente a responsabilidade das administracións públicas", ás que se condena a indemnizar polo 40 % do dano causado, dado que a indemnización reclamada pola familia ascendía a 182.194 euros.

Non se cortaron os accesos malia o risco que había 

Do ocorrido aquel 31 de marzo, os maxistrados destacan que ante os desprendementos previos á morte da moza o persoal de vixilancia non adoptou ningunha medida nin reportou aos seus superiores ou aos axentes medioambientais, mentres que o persoal de acceso priorizou dar continuidade á entrada de persoas ante a gran afluencia de visitantes.

Tamén apuntan a que "a sinalización que advertía especificamente de desprendementos era escasa" e lembran que esta se reforzou despois do accidente.

Esta sentenza, que tamén condena a tres aseguradoras, XL Insurance Company, Mapfre e Seguros e Reaseguros, indica ademais que "o persoal de control de accesos claramente non tiña instrución suficiente sobre como actuar nin se elaborara un plan para casos en que o risco aumentase significativamente" e tampouco había presenza de policía municipal.

Os maxistrados culpan as tres administracións 

Os maxistrados repasan a responsabilidade das administracións, para as que fixan distintas indemnizacións: 29.800 euros no caso da Administración Xeral do Estado, 28.700 para a Xunta de Galicia e 6.300 para Ribadeo.

Así, alude á sentenza doutro caso -a morte en 2016 dunha muller por un desprendemento nunha praia gaditana- para determinar a responsabilidade patrimonial do Estado, ao que corresponden a tutela e policía do dominio público marítimo-terrestre, e do concello, encargado de manter a limpeza, hixiene e salubridade e tamén de vixiar que se cumpran as normas de salvamento e seguridade das vidas humanas.

En cambio, a diferenza do outro suceso, onde se exonerou a Xunta, tamén consideran responsable a Xunta de Galicia polas "peculiaridades" deste caso, no que a administración autonómica interveu declarando a praia das Catedrais como monumento natural e aprobando un plan de conservación para controlar a afluencia de vixiantes e evitar que se degrade a paraxe, no que se aludía tamén á seguridade.

Segundo a Audiencia Nacional,"a Administración autonómica non pode exercer as súas competencias en materia de medioambiente e non adoptar prevencións desde o punto de vista da seguridade pública, que é posta en perigo pola mesma razón que xustifica a protección ambiental, isto é, a afluencia de visitantes en gran número a un lugar que agrava a inestabilidade do terreo".

As indemnizacións fixadas pola Audiencia Nacional nesta sentenza, contra a que cabe recurso de casación, son o último capítulo dun suceso cuxa investigación penal quedou arquivada ao considerar un xulgado de Mondoñedo que a morte foi "accidental".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade