Moitos hoteis de Sanxenxo xa están completos para esta macroponte
Os festivos chegan cun tempo espléndido e moitas reservas de turistas do noroeste peninsular
Sanxenxo vive hoxe unha xornada de transición. Remata unha semana de temporada baixa en que os hoteis foron tirando con excursións da terceira idade e moitos turistas de Portugal, e comeza un novo período en que encadean dúas pontes. Moitos hoteis colgan xa o cartel de completo.
O día de hoxe semella un día feito á medida para desfacer tópicos, un sol radiante en pleno decembro como ingrediente para demostrar que, ás portas do inverno, a fórmula de paseos a carón da praia, descanso e mariscada nunca é un mal plan.
As excursións da terceira idade aproveitan as últimas horas de paseos e compras, pero os turistas portugueses, que tiveron festivo o día 1, aínda quedan ata mañá.
E os hoteis esperan que as próximas xornadas sexan tamén de moito traballo; así llo contan á TVG os directores de dous dos hoteis da vila pontevedresa.
Espléndidos reciben no Salnés este mes de Nadal, ao que aínda lle quedan por diante moitas xornadas festivas para gozar do lecer.