Moito coidado coa conservación dos alimentos para evitar intoxicacións no verán
A suba das temperaturas favorece a proliferación de microorganismos
Para as comidas campestres é mellor elixir alimentos que non precisen moita refrixeración e non inxerir as sobras que se traen de volta para a casa
En tempo de verán debemos ser moi prudentes na conservación e manipulación dos alimentos, xa que a maior temperatura favorece a proliferación de microorganismos e bacterias que, unha vez inxeridas, poden causar intoxicacións. Todos sabemos da importancia da refrixeración nesta época, pero é posible que algún de vostede descoñeza consellos como, por exemplo, o de nunca consumir as sobras do que levamos para comer no campo ou na praia. Iso, directamente ao lixo.
"Sempre hai que ser conscientes que no verán soben as temperaturas e iso vai permitir que medren as bacterias. Hai que refrixerar todo moi rapidamente e ter máis coidado. Son cousas recomendables no inverno, que aquí xa son críticas". É o que nos di o catedrático de Hixiene e Inspección de Alimentos da US, Carlos Franco.
En xeral, cando soben os termómetros, somos máis cautelosos coa conservación dos alimentos, pero se cadra non aplicamos toda a prudencia debida, ás veces por descoñecemento. Así, por exemplo, nunca se debe meter carne crúa sen tapar na neveira ao lado doutros alimentos. "A carne crúa ten bacterias, polo que non debe tocar outro alimento que logo vaias consumir, sobre todo sen cociñar a alta temperatura", di Carlos Franco.
Hixiene e precaución na casa, pero tamén cando comemos ao aire libre. "Eu cando como fóra... tortilla. A tortilla non pode faltar", comenta unha moza de Lugo. Tampouco nos imos privar, pero non é o prato mais conveniente. En todo caso, que o ovo estea moi feito. E as maionesas, industriais. Outros alimentos ofrecen máis garantía.
Carlos Franco advirte que hai que ter moito coidado con determinadas salsas. Unha ensalada rusa a temperatura ambiente moito tempo é potencialmente perigosa. "Ten que ser cociñada con calor e conservada con frío".
É moi importante coidar a hixiene das mans, dos utensilios de cociña. Para limpar, mellor papel que eses panos para todo onde prosperan os xermes; e non comer as sobras do que levamos ao campo ou á praia.