Moitas persoas descobren que son autistas na idade adulta
A maioría das veces ao comprobar que un dos seus fillos o é
Detectar o TEA de xeito precoz serve para que os pacientes desenvolvan habilidades que melloran moito a calidade de vida
Dous equipos do CIMUS traballan con 16 asociacións de pacientes TEA de Galicia
O reto máis importante é o diagnóstico precoz. As asociacións de pacientes téñeno claro. Sobre todo ao comprobar como a prevalencia dos trastornos do espectro autista se multiplicou por dez en vinte anos. Simplemente porque o autismo estaba infradiagnosticado.
"No CIMUS adaptamos un cuestionario para detectar a camuflaxe de trazos autistas que está tendo moita aplicabilidade, porque en España non existía", dixo María Tubío, investigadora do CIMUS.
Agora poden detectar mellor os casos camuflados. Hai máis entre as mulleres porque nelas é maior a presión para encaixar. Cun enorme sobreesforzo, observan e imitan.
"Ao non poder amosarse como un é realmente hai unha perda de autoestima. Por exemplo eu agora como estou nunha entrevista teño que xesticular, parpadear, para que non pareza que son un robot", explicou María Tubío, que é psicóloga e investigadora do grupo de medicina xenómica do CIMUS.
Desde os que pasan desapercibidos á custa dunha gran presión que lles provoca sufrimento ás persoas que apenas poden levar unha vida funcional sen axuda, o espectro autista é moi amplo. Os Asperger están moitas veces asociados ás altas capacidades.
"Para nós é unha honra que o CIMUS nos chame e estea pendente de nós, pola necesidade de investigar para seguir coñecendo este espectro pero sobre todo pola parte humana", declarou Mercedes Fernández Angulo, a presidenta da Federación Autismo Galicia.
Un de cada cen nacementos é TEA. A xenómica e a psicoloxía lograron xa grandes avances no diagnóstico para que as súas vidas sexan mellores.