Moaña estrea zona azul
Son 22 prazas de aparcadoiro controlado, de balde, durante media hora
Moito movemento nas novas prazas de aparcadoiro controladas en Moaña. Este luns púxose en marcha a primeira zona azul da vila, onde se pode aparcar, de balde, cun límite de trinta minutos.
Moitos condutores aínda non se decataran. Algúns levaron a sorpresa ao atopar un oco libre no centro, porque non é frecuente, e outros porque non sabían que entrara en marcha a zona azul e que era de balde.
A zona de aparcadoiro controlado de momento está en período de probas, e a Policía Local intensifica a información aos condutores ata que se acostumen á nova normativa. Controlarán a zona e farán fotos para supervisar que ningún coche supere os trinta minutos no aparcadoiro.
A maior parte dos veciños ve con bos ollos a iniciativa, e son moitos os que salientan que pode ser unha boa solución para os problemas de aparcar preto de supermercados, da praza de abastos ou do centro de saúde.
Son, en total, 22 prazas repartidas, dúas na rúa Ramón Cabanillas e o resto na avenida Concepción Arenal. Algúns veciños non están tan contentos coa nova zona azul. Como algún que traballa na zona e non pode sacar o coche á media hora.
Pasado o período de probas, os condutores que superen os trinta minutos aparcados en zona azul enfrontaranse a multas de entre 80 e 200 euros.