Indignación entre os ourensáns que tiñan saldo na aplicación para pagar a ORA e non o van recuperar
A empresa di que non vai facer devolucións das recargas feitas na aplicación móbil Presto Parking
Esta polémica únese á indignación dos veciños que din que o centro é un caos e non atopan onde aparcar dende que o aparcamento non está regulado por tempo
A anulación do servizo ORA na cidade de Ourense segue traendo polémica. Á falta de aparcamento no centro, ao non estar xa regulado por tempo, únese agora a indignación dos condutores que usaban a aplicación móbil para pagar os tíckets. A empresa Presto Parking non vai devolver os cartos aos que tiñan saldo sen gastar.
Cando o alcalde de Ourense, co comezo do 2026, eliminou a zona azul de pago, José Manuel apenas gastara nada do saldo de máis de doce euros que tiña na aplicación da ORA. Presto Parking comunicou que non vai facer devolucións de recargas feitas. En contestación a unha afectada que perdeu 30 euros, a empresa engade que o saldo poden gastalo noutras cidades, pero en Galicia en ningún lugar funciona esta aplicación, nin en ningunha comunidade próxima.
22 días despois da anulación da ORA, aínda atopamos quen non o sabía e que está encantada por non ter que pagar por aparcar non centro. Pero a maioría dos veciños quéixanse que dende o 1 de xaneiro que a zona azul non está regulada por tempo non atopan onde aparcar e que o centro é un caos.