As obras da senda entre O Milladoiro e Santiago afectan este xoves ao tráfico
Está previsto que os cortes no tráfico no enlace entre a AP-9, a SC-20 e a AG-56 se produzan entre as 9:00 e as 20:00 deste xoves
O avance das obras da senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e a Estación Intermodal de Santiago corta o tráfico este xoves no enlace que conecta a autovía AG-56 coa SC-20 e coa AP-9 en sentido Santiago.
Segundo informou a Xunta nun comunicado, esta restrición de circulación é necesaria para realizar a montaxe dunha pasarela no punto quilométrico 1,390 da nova senda.
Desta forma, a previsión é que a afectación ao tráfico se produza unicamente na xornada do xoves entre as 09:00 e as 20:00 horas. Durante este tempo habilítanse itinerarios alternativos para facilitar a mobilidade do tráfico.
Os vehículos procedentes da AG-56 cara a Santiago pola SC-20 deberán incorporarse á SC-20 en sentido O Milladoiro polo ramal 73 e realizar o cambio de sentido na rotonda do Milladoiro.
O tráfico procedente da SC-20 en sentido Santiago que se incorpora á AG-56 ou á AP-9 deberán seguir pola SC-20 en sentido Santiago ata a glorieta de alcance co CHUS, onde poderán realizar o cambio de sentido para incorporarse á AG-56/AP-9 desde a SC-20 sentido O Milladoiro polo ramal 74.