Publicador de contidos

Publicador de contidos

Urovesa entregará os primeiros vehículos VERT a Defensa a finais de 2026

Urovesa entregará os primeiros vehículos VERT a Defensa a finais de 2026

A empresa galega ve perspectivas de ampliar o contrato co ministerio e de internacionalizalo, segundo afirmou o presidente de Urovesa no Bos días

Urovesa fabricará cen vehículos VERT antes de 2030

G24.gal 12/03/2026 09:36 Última actualización 12/03/2026 12:22

A empresa automobilística galega Urovesa prevé entregar os primeiros prototipos dos Vehículos de Exploración e Recoñecemento Terrestre (VERT) ao Ministerio de Defensa a finais deste 2026.

Segundo confirmou Justo Sierra, presidente de Urovesa, no programa Bos días de Televisión de Galicia, trátase de "dous vehículos preseries". "O proxecto consta de tecnoloxías complexas de observación e recoñecemento terrestre e nós, como contratistas, xestionamos moitas colaboracións tecnolóxicas con outras empresas que teñen un rol relevante na configuración do vehículo, polo que este ano entregaremos dúas preseries, o ano que vén xa serán case xa de serie e o proxecto arrancará con máis intensidade en 2028".

Sierra avanzou que existen posibilidades de ampliar contrato con Defensa e mesmo de internacionalizalo: "Dependerá das capacidades que se identifiquen a longo prazo pero é posible que se amplíe o contrato e mesmo que teña certa relevancia a nivel internacional o que posibilitará contratos tamén noutros países".

"Vimos dun contexto previo de anos de restricións orzamentarias en materia de defensa, agora que hai máis pulmón financieiro algúns programas xa poden arrancar", detallou o presidente da automobilística galega. 

Fundada en Santiago de Compostela en 1981 como unha empresa familiar, Urovesa trasladou a Valga a súa sede central en 2011 e prevén duplicar plantilla a medio prazo: "Desde que estamos en Valga, hai 12 anos, triplicamos persoal e, en función do incremento da actividade, prevemos medrar nun 50 % en 3-4 anos". "Ter equipo con talento e comprometido e que entenda a estratexia e sexa capaz de desenvolvela é unha das claves do éxito futuro", afirmou o presidente de Urovesa.

Sierra resumiu en tres os vectores de crecemento da empresa. En primeiro lugar, seguir desenvolvemento aplicacións civís derivadas do uso militar (como desastres naturais e incendios forestais); a continuación, diversificar e internacionalizar a súa actividade; e, por último, o mantemento da frota de 10.000 vehículos en uso que suman os seus clientes e cuxa vida útil se estima en 20 anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade