Urovesa fabricará cen vehículos VERT antes de 2030
Os Vehículos de Exploración e Recoñecemento Terrestre integran na plataforma do VANTAC tecnoloxía moi sofisticada
Os VERT serán máis sixilosos, terán capacidade para despregar nunha rampla os robots que desactivan explosivos e poderán transportarse en avión
Urovesa prepara un salto histórico: duplicará a súa capacidade de produción industrial e o seu cadro de persoal en só tres anos
No campo de probas de Urovesa en Valga, a ministra de Defensa, Margarita Robles, quixo comprobar as características de alta mobilidade táctica que ofrecen os Vantac. A celebre plataforma fabricada en Valga vai ser a base dos novos vehículos VERT, que ofrecen esas mesmas vantaxes, pero integrando tecnoloxía que lles confire novas capacidades en exploración e recoñecemento do terreo
"Levan sistemas de obtención de información, cámaras moi especiais, sistemas de radio, estación meteorolóxica, antenas satelitais. É un vehículo moi complexo. Con eses sistemas -que nós non fabricamos, pero temos unha industria en España que si fabrica este tipo de sistemas tan sofisticados- a nosa función é integrar todo iso na nosa plataforma", explicou Justo Sierra, o CEO de Urovesa
Os reponsables de Urovesa e de Defensa perfilaron os detalles do contrato que se asinará nas próximas semanas e que inclúe a entrega dos primeiros prototipos o ano que vén e un cento destes vehículos VERT nun prazo que remata en 2030.
"Quero agradecer moi especialmente a Urovesa e a todos os seus traballadores polo esforzo e a dedicación que teñen, e reafirmar o compromiso do goberno de España de seguir investindo en Defensa para crear emprego. Para Galicia desde logo isto é unha industria importantísima", dixo Margarita Robles, a ministra de Defensa.
Urovesa prevé duplicar en 3 anos a súa capacidade industrial.
"É un salto tecnolóxico e industrial que nos vai permitir duplicar o cadro de persoal e iso pon a empresa como referente xa no ámbito internacional no ámbito de seguridade e defensa", declarou Justo Sierra, o CEO de Urovesa.
En 2029 Urovesa estará lista para fabricar 5000 vehículos militares ao ano.