Misión imposible, non é ficción, é a realidade para atopar un piso de estudantes en Santiago
Os estudantes de Santiago xa levan meses á procura de piso para o próximo curso
Unha misión imposible para moitos deles, consideran que hai poucos e moi caros
Caros e escasos. Os pisos son cada vez un ben máis prezado, e é por iso que son moitos os estudantes que xa se lanzaron a buscar onde vivir o curso que vén para, así, evitar o caos que se forma no verán. O prezo medio por cuarto está polas nubes e rolda os 300 euros, algo que os estudantes consideran inasumible.
"Nós pagamos, agora mesmo, 1.200 entre tres persoas", di unha das estudantes.
Hai xente que leva incluso meses buscando e que xa ten o piso amarrado.
"Empezamos a buscar en marzo e atopámolo a principios de maio", afirma outro dos estudantes.
"Levamos xa, aproximadamente, mes ou mes e medio, en que xa os estudantes veñen preguntarnos na oficina se xa temos pisos en alugueiro para o curso que vén", comenta Santiago Amor, xerente da Inmobiliaria Amor.
Para evitar meterse no caos que implica buscar piso, son moi frecuentes as renovacións e o “traspaso” entre amigos e veciños.
Dende as inmobiliarias aseguran que hai ata quen buscou nos concellos lindeiros con Santiago, como Ames, en zonas como O Milladoiro ou Bertamiráns.
