Milleiros de persoas piden en Valdeorras unha sanidade "digna e pública"
Reclaman máis medios para o hospital comarcal e a recuperación de servizos
O Sergas demanda a convocatoria de máis prazas MIR para cubrir vacantes
Unhas catro mil persoas, segundo a organización, manifestáronse no Barco de Valdeorras para esixiren unha asistencia sanitaria "digna e pública" no hospital comarcal. Reclaman especialistas e a recuperación dos servizos perdidos nos últimos anos.
Tras varias semanas de concentracións, a veciñanza botouse á rúa na defensa da sanidade pública e contra o "desmantelamento" que, consideran, se está a producir no centro hospitalario do oriente ourensán.
O xerente do Sergas, José Flores, asegurou este domingo na Radio Galega que o Executivo galego respecta as protestas pero non as entende. Segundo dixo, as contratacións máis urxentes xa están tramitadas e outras demandas atópanse en vías de solución.
Porén, subliñou que a longo prazo vai ser necesaria a implicación do Goberno central. Neste sentido, volveu demandar a convocatoria de máis prazas MIR para cubrir as vacantes de determinadas especialidades.