Miles de persoas marchan en Compostela contra "o desmantelamento" do Sergas
A manifestación, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, remata no Obradoiro
Denuncian a deterioración do sistema público de saúde por mor dos "recortes"e da "privatización"
Reclaman recursos para que os servizos sanitarios teñan a calidade que merecen os pacientes
Milleiros de persoas marcharon este domingo polas rúas de Santiago de Compostela para denunciar "os recortes, a privatización e o desmantelamento" do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada por diversos colectivos, reclamaron "máis recursos para que a sanidade pública galega teña a calidade" que merece a cidadanía.
Segundo Manuel Martín, portavoz da plataforma, a resposta social reflicte "o malestar da poboación" por unha "atención primaria desmantelada, inaccesible e con tempos de espera superiores a unha media de sete días", e unha atención hospitalaria que "non funciona como debe".
Baixo o lema "Máis atención primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública", a marcha transcorreu entre a Alameda e a Praza do Obradoiro. Segundo datos da Policía autonómica, participaron entre 4.000 e 4.500 persoas.
Ante a Catedral de Santiago procederon á lectura dun comunicado no que aseguraron que "unha vez máis o pobo galego" respondeu ao seu chamamento para "manifestar masivamente o rexeitamento á política de recortes, deterioración e desmantelamento" do Sergas.
Atención primaria
En atención primaria, esixen "centros de saúde dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas como máximo e con consultas presenciais a solicitude do paciente", así como puntos de atención continuada.
"Coa dotación de persoal e os recursos diagnósticos necesarios para garantir a atención ás urxencias fóra do horario dos ambulatorios".
Reclaman como "necesario e urxente reorientar a atención primaria cara a un modelo integral e comunitario, que participe activamente na promoción da saúde, a prevención da enfermidade, o traballo comunitario e a participación social".
Garantir a presenza de especialistas de pediatría nos centros de saúde e reforzar a súa capacidade para dar resposta aos problemas de saúde mental, coa presenza da psicoloxía clínica nos centros de saúde, son outras das súas demandas.
Atención hospitalaria
Sobre atención hospitalaria, denuncian "a situación de precariedade nos hospitais públicos, con cadros de persoal insuficientes para atender con calidade aos pacientes" e sen capacidade para usar o 100 % dos recursos tecnolóxicos públicos "por non ter persoal contratado para utilizalos".
Tamén demandan "a recuperación das áreas Sanitarias perdidas e os recortes nos hospitais comarcais", así como a restitución "ao sistema público dos centros privatizados, como o Hospital Álvaro Cunqueiro, e finalizar coa precariedade laboral".
Critican que "mentres se debilitan os recursos públicos, desde a consellería de Sanidade, incrementan a derivación de pacientes á sanidade privada, para probas ou para operacións, e manteñen contratos con hospitais privados" como o Ribera-Povisa de Vigo.

Listaxes de agarda
Aseguran que a Xunta "oculta e manipula" as listaxes de agarda para que "non se coñezan en toda a súa extensión" e aínda así, non poden "ocultar que seguen sendo peores que antes da pandemia", polo que reclaman "un verdadeiro plan de choque para facerlles fronte con máis recursos".
Desde a plataforma, fan fincapé na atención aos problemas de saúde mental e denuncian "a situación de abandono e marxinación" que incrementa o "sufrimento" dos pacientes, polo que instan a "reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto-xuvenil".
Lei de incompatibilidades
Igualmente, afean os cambios da Consellería na aplicación da lei de incompatibilidades "para facilitar que profesionais da sanidade pública traballen tamén na privada" e esixen "potenciar a dedicación exclusiva", especialmente das persoas que ocupan postos de xefaturas ou dirección.
Reclaman, ademais, o incremento do orzamento sanitario publico coa elaboración dun Plan Galego de Saúde que sexa participativo.
"O PP estase a converter nun perigo para a saúde"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que na manifestación participaron os do "si á sanidade pública fronte ao PP do non á saúde dos galegos", a mellorar a atención primaria, a unha reforma que permita ter equipos interdisciplinares ou a atender os problemas de saúde mental.
"O Partido Popular estase a converter nun perigo para a saúde dos galegos. O único que lle ofrece á cidadanía son mentiras e loiadas, e dinos que a sanidade pública está mellor ca nunca. Se o está, como é posible que teñamos lista de espera de ata 15 días para ir ver ao médico de cabeceira? 11.000 nenos sen pediatra?", preguntouse.
"Cada recorte vai ao peto da privada"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, indicou na protesta que "coa xestión do Partido Popular, cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente ao peto da sanidade privada".
O líder dos socialistas galegos defendeu unha sanidade pública "máis accesible, porque en moitos lugares de Galicia, moitos galegos non teñen acceso á sanidade".
Na súa opinión, a mobilización de Santiago supón "unha chamada de atención" á Xunta e considerou que "os recortes non son un accidente", senón unha "decisión política da dereita para condenar a sanidade pública".
Sumar pide melloras nas condicións laborais
O secretario xeral de Movemento Sumar-Galicia -formación sen representación no Parlamanto galego-, Paulo Carlos López, sumouse á manifestación e situou entre "os principais problemas" a situación do persoal sanitario.
"Profesionais saturados, con moitas citas, poucos minutos por paciente e unha precarización xeral das condicións laborais".
O representante de Sumar pediu ademais, "un plan de choque" en saúde mental e en pediatría.
"Nunca a sanidade pública dispuxo de máis recursos"
O Partido Popular non concorda cos postulados da manifestación. Alberto Pazos asegurou que a Xunta inviste hoxe máis fondos ca nunca na sanidade pública galega.
O portavoz parlamentario do PPdeG, contrastou o presuposto histórico do Sergas cos concertos privados que promoveu o goberno bipartito.
"Nunca a nosa sanidade pública dispuxo de máis recursos que co actual goberno da Xunta de Galicia, nunca dispuxo de máis persoal que o que temos agora mesmo e nunca tivo máis servizos privatizados que cando gobernaron os que hoxe convocan esta manifestación".
"Maior orzamento sanitario da historia"
Dende o Goberno da Xunta afirman que respectan as opinións das persoas que acudiron á manifestación pero que non comparten os motivos da convocatoria.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, atribúe o déficit de profesionais sanitarios ao Goberno central, e afirma que Galicia ten un dos mellores sistemas asistenciais do mundo, que cómpre coidar.
Nun comunicado, asegura que "Galicia dispón do maior orzamento sanitario da historia para optimizar e prestar a mellor asistencia", nega os recortes, o incremento da concertación coa privada e o aumento das listaxes de agarda.