A DXT inicia a operación especial 1 de Agosto con case 6,9 millóns de desprazamentos previstos
Tráfico chama á prudencia e ao respecto ás normas, xa que no que vai de xullo faleceron nas estradas 111 persoas, 36 das cales eran motoristas
Ata 4.350 trens circularán na Operación Saída do verán e Renfe ofrece un millón de prazas; a estación Santiago de Compostela-Daniel Castelao ten programados 53 trens, pola de Ourense pasarán 84

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha ás 15:00 horas deste xoves 31 de xullo a Operación Especial 1.º de Agosto, para a que prevé 6.880.000 movementos por estrada ata as 24 horas do domingo 3 de agosto.
A DXT prevé que se realicen un total de 52.871.000 desprazamentos polas estradas españolas durante o mes de agosto, o máis importante do verán en canto a circulación.
Tráfico espera que estes días se dea un importante movemento de vehículos por todas as estradas españolas, onde coincidirán os desprazamentos xerados polo comezo do mes vacacional de agosto con desprazamentos de longo percorrido en sentido saída dos grandes núcleos urbanos e destinos principais ás zonas turísticas de costa e litoral, xunto co retorno dos que finalizan as súas vacacións no mes de xullo e mais cos desprazamentos habituais de fin de semana do período estival.
Así mesmo, continuará a afluencia de vehículos portugueses e magrebís, estes últimos cara aos postos fronteirizos dos seus países de orixe en sentido entrada (norte-sur), dentro da 1.ª fase da Operación Paso do Estreito-2025.
A DXT conta coa total dispoñibilidade dos medios, tanto humanos (axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal dos Centros de Xestión de Tráfico, patrullas de helicópteros e persoal encargado do mantemento de equipos e da instalación de medidas na estrada), como técnicos (radares fixos e móbiles de control de velocidade, ademais de helicópteros, drons, cámaras e furgonetas camufladas para controlar o uso de móbil e do cinto de seguridade).
Neste contexto, adoptaranse medidas como a instalación de carrís reversibles e adicionais con conos e balizamento nas horas de maior afluencia circulatoria e o establecemento de itinerarios alternativos.
Ademais, paralizaranse as obras nas estradas, limitarase a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada e restrinxirase a circulación de vehículos que transportan mercadorías perigosas, transportes especiais, e tamén a circulación de camións de mercadorías en xeral, en certos tramos de estradas, datas e horas.
Previsións de circulación e medidas
En canto ás previsións de circulación elaboradas por Tráfico, estas estiman que, desde primeira hora da tarde do xoves, principalmente entre as 16:00 e as 23:00 horas, se producirán importantes movementos de vehículos de longo percorrido que provocarán intensidades elevadas e problemas de circulación en sentido saída dos grandes núcleos urbanos e nas principais vías de comunicación de acceso ás zonas turísticas de costa e descanso, e acentuaranse estes a medida que avanza a tarde para, xa a última hora da serán, situarse nas zonas de destino.
Unha chamada á prudencia
Para esta nova operación, Tráfico chama á prudencia e ao respecto ás normas, xa que no que vai de xullo faleceron nas estradas 111 persoas, 36 das cales eran motoristas, unha cifra preocupante que require tomar conciencia da súa gravidade para evitar que estas merecidas vacacións de verán se convertan nun momento tráxico.
Aumento dos desprazamentos nocturnos, circulación conflitiva en estradas que comunican poboacións do litoral e zonas turísticas de costa coas praias e maior presenza de ciclistas e peóns na estrada son outras das características do tráfico no verán.
Antes de saír de viaxe, a DXT recomenda programar con antelación o plan de viaxe para elixir a mellor ruta, revisar o estado dos pneumáticos, os freos e as luces e evitar os días e as horas de maior intensidade para emprender a viaxe. A véspera da viaxe, procurar descansar e durmir o suficiente, xa que a calor incrementa a sensación de fatiga e a somnolencia.
Durante a viaxe, é importante manter sempre a distancia de seguridade para evitar accidentes por alcance, especialmente ao circular en caravana; cómpre circular co depósito de combustible cheo e facer uso do sistema de retención correspondente en todo momento, xa sexa cinto ou SRI, e non coller o móbil e evitar calquera outra distracción. "A súa única tarefa é conducir", conclúe.
Ata 4.350 trens na Operación Saída do verán e Renfe ofrece un millón de prazas
Un total de 4.350 trens de alta velocidade, longa e media distancia, das tres empresas ferroviarias que operan en España (Renfe, Iryo e Ouigo), circularán por toda a rede ferroviaria durante a Operación Saída de agosto, desde este xoves ata o domingo.
Este xoves e venres serán os días con máis circulacións, con 1.200 trens programados cada día, segundo datos de Adif, concentrando as dúas grandes estacións de Madrid (Atocha e Chamartín) ata 1.500 trens ao longo dos catro días de operación.
Pola súa banda, a renovada estación Santiago de Compostela-Daniel Castelao ten programados un total de 53 trens, pola de Ourense pasarán 84, e pola de Oviedo, 42 trens.