Publicador de contidos

Publicador de contidos

Protestas por toda España en apoio a Palestina

Protestas por toda España en apoio a Palestina

Este sábado estanse celebrando máis de 70 marchas en todo o territorio español 

Este martes vanse cumprir dous anos dos ataques de Hamás e da guerra en Gaza

G24.gal 04/10/2025 19:28

O próximo martes fanse dous anos do comezo dos ataques do exército israelí sobre a poboación de Palestina, un aniversario que encheu de protestas toda España. Milleiros de persoas saíron hoxe á rúa en varias cidades para amosar o seu apoio a Palestina e exercer presión sobre o Goberno para que faga realidade o embargo total de armas a Israel e a fin das relacións institucionais co país.

As máis multitudinarias foron as celebradas, pola mañá en Barcelona e pola tarde en Madrid.

Na capital de España unha gran marea de persoas botouse ás rúas para esixir que Israel poña fin ao "xenocidio" contra o pobo palestino e para pedirlle ao Goberno español que free o comercio de armas e interrompa as relacións co estado de Israel.

As cores branca, vermella, negra e verde poboaban non só as miles de bandeiras palestinas despregadas, tamén camisetas e os xa estendidos broches de sandías cos que distintas personalidades apoiaron o pobo palestino en todo o planeta.

Entre as persoas manifestantes, personalidades políticas como as ministras Sira Rego e Mónica García, as líderes de Podemos Ione Belarra e Irene Montero ou a co-coordinadora de Movemento Sumar, Lara Hernández. 

Dez detidos nas protestas en Barcelona 

Os disturbios de onte pola noite no centro de Barcelona nunha manifestación propalestina acabaron coa detención de dez persoas e 19 mossos feridos leves, atendidos polo Sistema de Emerxencias Médicas (SEM), segundo o balance definitivo feito este domingo pola policía catalá.

Os Mossos d'Esquadra informaron de que os detidos están acusados de desordes públicas, danos e atentado aos axentes da autoridade. 

Tamén están a ser multitudinarias as manifestacións convocadas noutras cidades do mundo. En Roma ou en Londres, onde 335 persoas foron detidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade