Trasladados a unha prisión de Israel 473 activistas da flotilla detidos
Israel intercepta o último barco da flotilla, que navegaba cara a Gaza
Cargas policiais en Madrid e seis detidos en Cataluña nas protestas en apoio a Palestina
Miles de persoas maniféstanse por toda Europa contra a detención da flotilla
Un total de 473 tripulantes da Global Sumud Flotilla detidos polas autoridades israelís por navegar cara a Gaza para romper o bloqueo foron trasladados á prisión de Saharonim, situada no deserto do Neguev, no sur de Israel.
Segundo informou este venres Loubna Yuma, avogada de Adalaho, o equipo xurídico da flotilla, ese é o número de pasaxeiros dos barcos interceptados por Israel que foron conducidos á prisión.
A letrada non soubo detallar cantas desas persoas accederon a ser deportadas inmediatamente aos seus países de orixe. Se aceptan, son conducidas ao aeroporto para coller un voo de deportación. Outramente, ábreselles un procedemento xudicial no que un xuíz decide sobre a súa deportación, un proceso que require máis tempo.
Os detidos foron levados ao porto israelí de Ashdod, onde foron fichados pola policía antes de seren conducidos perante as autoridades fronteirizas para os trámites de migración.
Durante a noite, a maioría dos arrestados foron trasladados en autobuses desde o porto ata a prisión de Saharonim, situada na localidade de Kziot, a carón da fronteira con Exipto. Uunha cadea concibida para inmigrantes en situación irregular que ten capacidade para albergar centos de persoas.
Israel intercepta o último barco que navegaba cara a Gaza da Flotilla Sumud
O último barco da Global Sumud Fotilla con destino a Gaza que quedaba navegando no Mediterráneo, o Marinette, foi interceptado este venres, segundo un vídeo emitido en directo e a páxina de rastrexo da misión.
Desde o mércores pola noite, Israel interceptou máis de corenta barcos e detivo un total de 473 tripulantes, que foron trasladados este venres á prisión de Saharonim, no deserto do Neguev, sur de Israel.
Desde o mércores á noite e durante doce horas, a Armada israelí abordou, un a un, os máis de 40 barcos que compoñían a flotilla.
A policía cargou contra os manifestantes que saíron á rúa en Madrid en apoio da flotilla
En Madrid, a policía cargou contra grupos de manifestantes ao final da protesta celebrada na capital. Os incidentes máis graves rexistráronse na Praza de Neptuno, cando varios centos de persoas, algunhas delas encapuchadas, guindaron obxectos contra a policía.
Os antidisburbios fixeron uso de gases lacrimóxenos e cargaron contra algúns dos manifestantes, que se dispersaron pola próxima rúa de Cervantes, onde continuaron os incidentes.
Segundo testemuñas presenciais, polo Paseo de Recoletos un grupo de manifestantes envorcou contedores e cubos de lixo e golpearon mobiliario urbano.

Unhas 10.000 persoas, segundo cálculos da Delegación do Goberno, manifestáronse este xoves en Madrid para reclamar a fin do bloqueo a Gaza e a liberación da flotilla. Nas protestas participaron, entre outros, a dirixente de Unidas Podemos Ione Belarra e a de Sumar Lara Hernández.
Detidas seis persoas en Cataluña durante as manifestacións de apoio a Palestina
En Cataluña, as protestas concluíron co arresto de seis persoas. Dúas persoas foron detidas en Barcelona e outras catro en Xirona.
Nas de Barcelona participaron unhas 15.000 persoas. Nos altercados, 14 axentes dos Mossos resultaron con contusións polo lanzamento de numerosos obxectos, A maioría das lesións foron de carácter leve. Dous dos axentes foron trasladados e atendidos nun centro sanitario de atención primaria.
A Policía da Generalitat confirma a detención de dúas persoas, acusadas de desordes públicas, danos, posesión de artefactos incendiarios e atentado a axentes da autoridade: Un terceiro manifestante quedou en situación de investigado polos mesmos feitos.

En Xirona, catro menores foron detidos durante a manifestación de apoio a Palestina celebrada este xoves pola noite, que reuniu unhas 1.500 persoas. Sobre eles pesan cargos de desordes públicas e danos, cometidos especialmente nun restaurante de comida rápida da cidade. Os catro quedaron en liberdade tras prestar declaración ante os axentes dos Mossos.
En Galicia celebráronse este xoves concentracións e manifestacións nunha vintena de cidades e vilas do país en protesta pola interceptación da flotilla. Nas da Coruña participaron máis de 4.000 persoas.