Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha das vítimas da sinagoga de Mánchester morreu por disparos da policía

Unha das vítimas da sinagoga de Mánchester morreu por disparos da policía

A policía tamén recoñeceu que unha das persoas mancadas ten feridas de bala e que o atacante non portaba armas

Equipo forense traballando no lugar do ataque (Reuters / Hannah McKay) Equipo forense traballando no lugar do ataque (Reuters / Hannah McKay)
G24.gal 03/10/2025 13:03

Unha das dúas vítimas mortais do atentado terrorista ocorrido o xoves contra unha sinagoga en Mánchester morreu por disparos de axentes, confirmou este venres a policía.

Amais desas dúas persoas falecidas, no atentado tamén faleceu o propio atacante, abatido pola policía.

O xefe da policía do Gran Mánchester, Stephen Watson, dixo ademais que unha das tres persoas que están hospitalizadas en estado grave presenta así mesmo feridas de bala.

"O patólogo do Ministerio do Interior informou de que determinou de maneira provisional que una das vítimas falecidas parecería sufrir unha ferida compatible cun disparo", declarou o mando policial.

Watson engadiu que o sospeitoso, Jihad Al-Shamie, ao parecer non estaba en posesión dunha arma de fogo e os únicos disparos foron realizados polos axentes con armas autorizadas mentres trataban de impedir que o agresor entrase na sinagoga e causase máis dano á comunidade xudía".

"Por tanto, dedúcese que, suxeito a exames forenses adicionais, a ferida (mortal) puido producirse como unha consecuencia tráxica e imprevista da acción urxente tomada polos meus oficiais para poñer fin ao ataque violento", explicou.

Watson precisou que non corre perigo a vida da outra persoa que foi ferida de bala.

"Crese que ambas as vítimas estaban moi preto una da outra detrás da porta da sinagoga cando os fieis trataban de evitar que o atacante entrase", dixo o xefe da GMP.

Dúas persoas morreron e tres foron feridas o xoves despois de que o britanosirio Jihad Al-Shamie, que non estaba fichado pola policía, atropelase transeúntes cun coche e acoitelase un home durante o festival xudeu de Yom Kippur na sinagoga de Heaton Park, no norte de Mánchester.

Coa información facilitada este venres sábese que unha das baixas mortais e as feridas doutra persoa foron provocadas polos disparos dos axentes, que tamén mataron a tiros o sospeitoso.

Os dous homes mortos foron identificados hoxe como Adrian Daulby, de 53 anos, e Melvin Cravitz, de 66.

A Policía mantén baixo custodia tres presuntos cómplices mentres segue a investigación sobre a motivación do ataque, considerado antisemita.

A ministra do Interior, Shabana Mahmood, e a policía pediron este venres aos organizadores de protestas propalestinas que as suspendan uns días para permitir á comunidade xudía facer o duelo, pero en principio segue convocada para o sábado unha manifestación de apoio ao grupo propalestino proscrito Palestine Action.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade