Rueda reivindica o papel dos centros galegos para proxectar a imaxe de Galicia
O presidente da Xunta recibiu o premio Anduriña de Ouro da Lareira Galega de Sevilla no Centro Galego da cidade andaluza
O titular do executivo galego reafirmou en Sevilla o compromiso da Xunta para seguir apoiando o labor destas entidades
O presidente da Xunta recibe o premio Anduriña de Ouro da Lareira Galega de Sevilla
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este sábado o papel que exercen os centros galegos á hora de proxectar a imaxe de Galicia no exterior e de manter vivas a cultura e as tradicións da comunidade, tanto en España coma no estranxeiro.
Tras recibir a Anduriña de Ouro da Lareira Galega de Sevilla, a máxima distinción que outorga esta entidade, Rueda subliñou que o que fai ese centro "é un exemplo do que se fai en tantos lugares de España, de Europa e de América".
"Agradezo a todos os que un día viñeron a Andalucía, fundaron esta Lareira e que pensaron que Galicia era un bo motivo de unidade e sentimento", afirmou.
Acto celebrado este sábado no Centro Galego de Sevilla
Así mesmo, resaltou que os centros galegos representan "unha galeguidade aberta e integradora, na que teñen cabida todos aqueles que aprecian a nosa comunidade, con independencia do seu lugar de nacemento".
Neste sentido, puxo como exemplo o centro sevillano, que este ano celebra o seu 69 aniversario e no que unha boa parte dos seus socios non son galegos de orixe.
"Grazas por vivir estes 69 anos a galeguidade en Andalucía e por facernos ver un pedazo de Andalucía tamén en Galicia", sinalou.
O titular do executivo galego tamén reafirmou o compromiso da Xunta para seguir apoiando o labor destas entidades, unha aposta que se reflicte –dixo– nos orzamentos do próximo ano, con partidas destinadas á súa modernización ou a facilitar o cambio xeracional.
Rueda asegurou que o "importante impulso" da Xunta ás políticas de retorno resultou no regreso duns 28.000 galegos do exterior entre 2018 e 2022.
Agora, a nova Estratexia Retorna ten o obxectivo de conseguir a volta de 30.000 galegos ata 2026.
"Somos o que somos grazas ao esforzo dos que tiveron que marchar e que nunca esqueceron o lugar de onde partiron", subliñou.
Igualmente, fixo referencia á marca Galicia Calidade, como a representación "non só da excelencia dos seus produtos e servizos, senón tamén do prestixio, o rigor e o bo facer que caracteriza a Galicia dentro e fóra das súas fronteiras".
"Parte desa Galicia Calidade constrúese coa Galicia Calidade espallada polo mundo, e tamén aquí en Andalucía", asegurou.