Israel dá por terminada a operación de interceptación da flotilla a Gaza
O Exército israelita afirma que os detidos, entre os que hai dous galegos, foron trasladados a portos antes de seren deportados
O Goberno convoca a encargada de negocios de Israel tras a retención de españois da flotilla
Reuters
O Ministerio de Exteriores israelí deu por terminada este xoves a operación de interceptación da Global Sumud Flotilla cara a Gaza, da que queda un último barco aínda navegando, despois de que Israel asaltase as case 50 embarcacións que formaban parte desta iniciativa nunha operación que comezou durante a tarde de onte. "Ningún dos iates de provocación de Hamas-Sumud logrou entrar nunha zona de combate activa nin violar o bloqueo naval legal", afirma o ministerio nun comunicado difundido na súa conta de X.
"Un último barco desta provocación permanece a distancia. Se se achega, tamén se lle impedirá o seu intento de entrar nunha zona de combate activa e violar o bloqueo", recolle así mesmo o comunicado.
Entre os detidos pola Armada israelí, atópanse polo menos 40 españois, 35 italianos, 32 turcos, 21 malaios, 25 tunisianos, 12 brasileiros, 31 franceses e 20 estadounidenses, e do Reino Unido, Alemaña, México e Colombia, entre moitas outras nacionalidades.
O Ministerio de Exteriores israelí anunciara hora antes que algúns dos activistas da Global Sumud Flotilla arrestados están "seguros e en bo estado de saúde" e sendo trasladados "de maneira segura" a territorio israelí, onde "comezarán os procedementos de deportación a Europa".
"Os pasaxeiros de Hamas-Sumud nos seus iates diríxense de maneira segura e pacífica a Israel, onde comezarán os procedementos de deportación a Europa. Os pasaxeiros están seguros e en bo estado de saúde", recolle a mensaxe de Exteriores na súa conta de X.
Segundo a lei israelí, unha vez os pasaxeiros sexan detidos poden ser deportados 72 horas despois da emisión da orde, a menos que a persoa acepte voluntariamente ser expulsada, como pasou con catro dos doce activistas a bordo do Madleen; a última embarcación interceptada por Israel o pasado xuño.
A activista e avogada Sandra Garrido e o patrón do buque Meteque son os dous membros galegos da tripulación da Sumud Flotilla que foron interceptados esta madrugada polos soldados israelís, tal e como confirmou este xoves a coportavoz en Galicia do Movemento Global a Gaza, Ánxela Gippini.
Tanto Garrido, que navegaba no Sirius, como o patrón do buque Meteque atópanse, "segundo as fontes israelís" en bo estado de saúde, aínda que Gippini sinalou que as comunicacións "están cortadas" e que non teñen máis información sobre os tripulantes da flotilla que a que achega o Goberno de Israel.
Desde o Movemento Global a Gaza en Galicia convocaron mobilizacións nunhas 20 localidades galegas, ademais do resto de España e en todo o mundo en protesta pola inacción dos gobernos, que consenten "o asalto" á flotilla.
Para esta tarde hai previstas mobilizacións en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, como tamén nas vilas coruñesas de Cee, Ribeira e Betanzos, ademais de en as lucenses de Palas de Rei e Ribadeo e as pontevedresas de Redondela, Cangas, Sanxenxo, A Guarda, Silleda, Ponteareas e Vilagarcía.
Os Gobernos seguen a flotilla
Arredor do mundo varios gobernos teñen a mirada posta no avance da flotilla e nas accións de Israel para frealo. A interceptación de parte dos seus barcos espertou unha irada resposta de Colombia: o presidente Gustavo Petro ordenou a saída do país suramericano de todo o persoal diplomático de Israel e empezou o proceso para saír do tratado de libre comercio que ten con Tel Aviv. Ademais, tachou de secuestro a detención de dúas colombianas que viaxaban a bordo dun dos buques retidos.
O Goberno chileno de Gabriel Boric e o de Luis Arce en Bolivia apoiaron a misión da Flotilla e condenaron a violencia inaceptable de Israel, en palabras do mandatario boliviano. Venezuela, pola súa banda, cualificou de acto de piratería a retención das embarcacións en augas internacionais. Pola súa banda, Uruguai asegurou seguir de preto a iniciativa e pediu respectar a integridade e seguridade dos tripulantes, igual que México, que urxiu salvagardar os dereitos dos seus connacionais a bordo da misión.
O Goberno de Malaisia, con doce cidadáns retidos, condenou enerxicamente a interceptación e denunciou que os civís a bordo dos barcos foron reprimidos con intimidación e coerción, mentres que Turquía denunciou a retención das embarcacións como un acto terrorista. Previamente, os Gobernos de España e Francia tamén se pronunciaron para pedir a Israel que garanta a seguridade dos integrantes da misión humanitaria.