Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán nega a versión de Trump e di que frustrou o rescate do piloto americano

Irán nega a versión de Trump e di que frustrou o rescate do piloto americano

Teherán responde ao ultimato do presidente dos Estados Unidos co anuncio de ataques "devastadores"

O mandatario republicano ameaza con desatar "un inferno" se non chegan a un acordo antes do luns

Israel continúa cos ataques contra Irán e O Líbano, onde anuncia bombardeos na fronteira con Siria

directo Aeronaves estadounidenses destruídas. Redes sociais vía REUTERS. Directo: Beirut
G24.gal 05/04/2026 08:31 Última actualización 05/04/2026 14:36

Medra a tensión en Oriente Próximo onde o final da guerra semella cada vez máis lonxe. As negociacións para alcanzar un alto ao fogo están paradas mentres recrúan os enfrontamentos verbais e no campo de batalla.

Irán anunciou ataques "devastadores" contra os Estados Unidos e Israel se Trump fai efectivo o seu ultimato. O mandatario republicano ameazou con desatar "un inferno" sobre eles no caso de non chegar a un acordo antes de que remate o luns.

Tras advertirlle a Teherán que quedan poucas horas para que venza o prazo, o dirixentes de Washington confirmou o rescate con vida do piloto estadounidense que permanecía desaparecido tras a derriba en Irán do caza no que viaxaba.

A Garda revolucionaria non tardou en desmentir a versión do presidente dos EUA e, segundo a axencia de noticias Tasnim, frustrou a operación ao abater catro avións que participaban na misión.

Mentres, Tel Aviv continúa cos seus ataques contra a nación persa e o Líbano, onde anunciou bombardeos no posto fronteirizo de Masnaa, lindeiro con Siria.

Imaxe da forza policial iraniana en Teherán. Planet Labs PBC vía REUTERS Imaxe da forza policial iraniana en Teherán. Planet Labs PBC vía REUTERS

Rescate do piloto estadounidense

Trump volveu usar a súa rede Truth Social para informar do rescate con vida do piloto estadounidense que permanecía desaparecido en Irán tras a derriba o pasado venres dun caza F15 no país persa, do que xa fora rescatado outro tripulante.

"LOGRÁMOLO! Compatriotas, nas últimas horas, as Forzas Armadas dos Estados Unidos levaron a cabo unha das operacións de procura e rescate máis audaces da historia do país, para rescatar un dos nosos incribles oficiais de tripulación", indicou na súa publicación.

O presidente precisou que o rescatado se atopa "san e salvo" malia estar ferido, sen revelar a gravidade nin os detalles da misión.

Horas despois, a Garda Revolucionaria iraniana negaba a súa versión e falaba dunha "nova derrota humillante" para os EUA.

Segundo a axencia de novas Tasnim, as forzas persas frustraron a operación ao destruír catro aeronaves americanas que participaban na misión.

"En avaliacións complementarias realizadas por expertos no lugar determinouse que dous avións de transporte militar C-130 e dous helicópteros Black Hawk do Exército estadounidense foron destruídos", asegurou o coronel Ebrahim Zolfagari, portavoz do Cuartel Xeral Central Jatam al-Anbiya.

Estragos en Kfar Hatta (O Líbano)/REUTERS Estragos en Kfar Hatta (O Líbano)/REUTERS

Irán responde a Trump

Irán advertiu este sábado que lanzará "ataques devastadores e continuados" contra os Estados Unidos e Israel de se producir calquera agresión contra as súas infraestruturas, afirmou este sábado o comandante Ali Abdollahi, xefe da máxima unidade do mando operativo.

"Todas as infraestruturas utilizadas polo exército estadounidense, así como as do réxime sionista, serán sometidas, sen limitación algunha, a ataques devastadores e continuos", asegurou Abdollahi, que coordina as operacións entre o Exército de Irán e o Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (CGRI).

Deste xeito, Teherán respondeu ao ultimado que horas antes deixaba por escrito Donald Trump na súa canle Truth Social.

"Lembran cando lle dei a Irán dez días para chegar a un acordo ou abrir o estreito de Ormuz? Acábase o tempo: quedan 48 horas para que se desate o inferno sobre eles. Gloria a Deus!".

Israel contra Irán

O Exército israelí continúa cos seus ataques de xeito simultáneo contra o Líbano e Irán. Segundo dixo, só durante o venres e o sábado bombardeou "máis de 140 obxectivos" no primeiro país e máis de 200 na república islámica.

Entre os obxectivos atópase un complexo petroquímico na cidade iraniana de Mahshahr porque, segundo Tel Aviv, fabrican elementos utilizados na produción de "materiais para explosivos, mísiles balísticos e outro tipo de armamento".

Fronteira entre O Líbano e Siria preto de Masnaa. REUTERS/Mohamed Azakir Fronteira entre O Líbano e Siria preto de Masnaa. REUTERS/Mohamed Azakir

Cruzamento de Masnaa

No Líbano, o Exército de Israel anunciou a noite deste sábado que se dispón a bombardear o cruzamento fronteirizo de Masnaa, entre Siria e o territorio libanés, alegando que o grupo xiíta libanés Hezbollah presuntamente úsao para fins militares e de contrabando.

O cruzamento de Masnaa está situado na arteria principal que une Beirut con Damasco e, xa na guerra de outubro de 2024, decenas de miles de persoas refuxiadas usaron este paso para fuxir dos ataques israelís contra distintas localidades libanesas.

Ataques en Mahshahr (Irán). Redes sociais vía REUTERS Ataques en Mahshahr (Irán). Redes sociais vía REUTERS

Ataques en Kuwait, os Emiratos e Barhein

Kuwait, Barhein e os Emiratos Árabes Unidos (EAU) denunciaron este domingo novos ataques iranianos con mísiles e drons que provocaron "importantes danos" en instalacións enerxéticas.

En Kuwait, rexistráronse "incendios en varias instalacións petroleiras e petroquímicas" e dúas plantas de tratamento de auga e desalinización quedaron fóra de servizo, segundo o Goberno.

Pola súa banda, os EAU deron conta dos lumes provocados pola caída de entullos dun mísil iraniano "interceptado con éxito por parte dos sistemas de defensa antiaérea" na planta petroquímica de Borouge.

As defensas aéreas do país árabe interceptaron este domingo nove mísiles balísticos, un mísil de cruceiro e 50 drons lanzados por Irán. Dende o inico do conflito, bloquearon a entrada de 507 mísiles balísticos, 24 mísiles de cruceiro e 2.191 drons iranianos.

Ademais, as autoridades de Barheim informaron do incendio dunha das instalacións de almacenamento da petroleira estatal Bapco Energies.

Os ataques contra os países do Golfo Pérsico aliados de Washington, alén de disparar os prezos da enerxía a nivel mundial, deixan unha trintena de persoas mortas e importantes danos.

As economías destas potencias dependen fortemente da exportación de hidrocarburos a través do estreito de Ormuz. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade