Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump insinúa aprazar ata o martes o ultimato para que Irán reabra Ormuz

Trump insinúa aprazar ata o martes o ultimato para que Irán reabra Ormuz

O último prazo que lle deu á república islámica, ampliado xa dúas veces, remataba este luns 

O republicano ameaza con destruír "todas as centrais eléctricas" persas se non desbloquea o estreito

O mandatario asegura que ambos os dous países están a negociar e poderían chegar a un consenso

directo Trump na Casa Branca este domingo. REUTERS/Nathan Howard
G24.gal 05/04/2026 21:19 Última actualización 05/04/2026 23:09

O presidente dos Estados Unidos semella aprazar ata o martes pola noite o ultimato que lle deu a Irán para que reabra o estreito de Ormuz, baixo a ameaza de destruír "todas as centrais eléctricas" e converter o país "nun inferno".

Nunha entrevista telefónica co diario The Wall Street Journal, Donald Trump estende 24 horas o prazo que xa ampliou en dúas ocasións e que remataba este luns 6 de abril ás 20:00 horas de Washington.

"Se non fan algo antes do martes pola noite, non terán ningunha central eléctrica e non lles quedará ningunha ponte en pé", afirmou nunha entrevista telefónica con ese diario.

Ademais, o mandatario republicano publicou unha mensaxe sen contexto que podería referirse a esta nova data.

"Martes, ás 20:00 h, hora do Leste (00:00 GMT do mércores)!", escribiu na súa rede Truth Social.

Con todo, nin o presidente nin a Casa Branca aclararon o seu significado.

"Se non cumpren, se queren mantelo pechado (o estreito), van perder todas as centrais eléctricas e todas as demais instalacións que teñen en todo o país", engadiu Trump na entrevista.

Respecto ao final da guerra dos EUA e Israel contra Irán, iniciada o pasado 28 de febreiro, o mandatario preferiu non entrar en detalles. Porén, noutra chamada coa cadea ABC sinalou que podería acabar "en cuestión de días, non de semanas".

Mural dos aiatolás en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Mural dos aiatolás en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Posible acordo

Tamén este domingo, nunhas declaracións á cadea Fox News, o presidente dos EUA asegurou que ambos os dous países están a negociar e podería haber acordo pero, se non o consegue, pensa en "voar todo polo aire e apoderarse do petróleo".

Nesa mesma liña na súa rede Social Truth, Trump volveu ameazar con desatar "o inferno" en Irán de non se cumprir o seu desexo.

"O martes será o Día da Central Eléctrica e o Día da Ponte, todo nun, en Irán. Non haberá nada igual!!! (...) Abride o puto estreito, malditos tolos, ou viviredes no inferno. XA O VEREDES! Loado sexa Alá", escribiu.

Se o mandatario republicano fai efectivo o ultimato, a República Islámica xa anunciou ataques "devastadores" contra os Estados Unidos e Israel.

Tráfico polo estreito de Ormuz. REUTERS Tráfico polo estreito de Ormuz. REUTERS

Intervención da ONU

A misión de Irán ante a ONU pediulle este domingo ao organismo que actúe "agora" despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, insistira na súa ameaza de atacar as centrais eléctricas e as pontes da república islámica.

"Unha vez máis, o presidente dos Estados Unidos ameaza abertamente con destruír infraestruturas esenciais para a supervivencia da poboación civil en Irán", declarou a misión na rede social X.

Segundo os representantes de Teherán, a mensaxe supón unha "incitación directa e pública a aterrorizar a poboación civil" e "unha proba clara da intención de cometer crimes de guerra".

"A comunidade internacional e todos os Estados teñen a obrigación legal de impedir estes atroces actos de crimes de guerra. Deben actuar agora. Mañá será demasiado tarde", engadiu a misión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade