Olmert, ex primeiro ministro israelí, na Toxa: "Haberá un Estado palestino"
O político hebreo considera que a única solución ao conflito é a creación dos dous Estados
O activista palestino Samer Sinijlawi aposta polo cambio de liderado en ambos os dous territorios
Varios centos de persoas maniféstanse contra a presenza de Olmert no foro Vínculo Atlántico
O ex primeiro ministro israelí entre 2006 e 2009, Ehud Olmert, amósase convencido de que o único camiño para alcanzar a paz en Gaza é a creación dos dous Estados: o hebreo e o palestino.
"Só hai unha solución: dous estados. A solución non é deportar a unha parte da poboación a unha esquina do mundo", reivindicou.
O político, que tamén foi alcalde de Xerusalén, considera que esta solución "está máis preto" do que se pensa e asegura que vai continuar "loitando" para conseguilo porque o ve "posible".
Nun diálogo co activista palestino Samer Abdelrazzak Sinijlawi, no foro da Toxa Vínculo Atlántico, este avogou ademais por un cambio de liderado para alcanzar este fin.
Esa foi, precisamente, a principal premisa de Sinijlawi, quen estima imprescindible un troco de adaíl en ambos os dous lados para poder mudar a dinámica na rexión.
"Nós fomos reféns do presidente de Hamás durante 20 anos. Os primeiros pasos para que podamos cambiar a dinámica da nosa relación con Israel e con toda a rexión é cambiar o liderado", reivindicou.
Do mesmo xeito, o activista palestino aposta pola "reconciliación" como receita clave para chegar a un acordo. Dende o seu punto de vista, hai que mirar cara ao futuro e "vencer a Hamás nas urnas".
Manifestación no Grove
Varios centos de persoas, convocadas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, manifestáronse este sábado desde O Grove ata a Toxa contra a presenza no foro do ex primeiro ministro israelí.
Ao berro de "Netanyahu asasino", "Que viva a resistencia do pobo palestino" ou "Non é unha guerra, é un xenocidio", percorreron a rúa Castelao para dirixirse cara á entrada da ponte que conecta a localidade coa illa.
Ante unha gran despregadura de forzas e corpos de seguridade do Estado, continuaron a marcha cara á a zona do Gran Hotel.
Os convocantes consideran unha "terrible provocación" convidar unha persoa que "foi parte deste proxecto sionista" porque, aseveran, na súa etapa como primeiro ministro "foi responsable da operación Chumbo Fundido, que implicou 22 días consecutivos de bombardeos en Gaza".
No ataque, lanzado entre o 27 de decembro de 2008 e o 18 de xaneiro de 2009, ao redor de 1.400 palestinos morreron na franxa de Gaza a mans do Exército israelí.
Polémica presenza
O presidente do comité organizador da sétima edición do foro, Carlos López Blanco, defendeu no peche do encontro a presenza do ex ministro israelí que malia un contexto de tanta "crispación" dialogou co activista palestino, "algo a ter en conta", dixo.

Contra o xenocidio
Tamén este sábado, milleiros de persoas desafiaron a choiva e marcharon polas rúas do centro de Vigo para expresar a súa solidariedade coa causa palestina e "denunciar o xenocidio" que o Estado de Israel está a cometer na franxa de Gaza.
Unha longa fileira de paraugas, entre os que asomaban multitude de bandeiras palestinas e carteis con imaxes ou lemas reivindicativos, partiu pasado o mediodía do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz.
Segundo a organización, unhas 40.000 persoas participaron na mobilización que transcorreu sen incidentes. A Policía Municipal rebaixa a cifra a 8.000 asistentes.
Manifestación e paro parcial
Este domingo, está prevista a celebración en Santiago de Compostela dunha manifestación unitaria, convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, para a que se fretaron varios autobuses desde diferentes puntos de Galicia.
Así mesmo, o vindeiro mércores 15 de outubro, Comisións Obreiras e a Unión Xeral dos Traballadores convocan un paro parcial de dúas horas en apoio ao pobo palestino; unha medida que tamén apoia a Confederación Intersindical Galega, que eleva ata catro as horas de folga.