Publicador de contidos

Publicador de contidos

Migrantes veciños de Compostela dan a coñecer os seus pratos e a súa cultura

Migrantes veciños de Compostela dan a coñecer os seus pratos e a súa cultura

No XI Festival Intercultural Compostela Convive participan persoas dunha ducia de países latinoamericanos e africanos

G24.gal 07/09/2025 14:32 Última actualización 07/09/2025 14:55

A alameda compostelá acolle unha degustación de pratos dunha ducia de países latinoamericanos e africanos. Cociñáronos mulleres e homes que naceron neses países pero que levan máis ou menos tempo vivindo en Santiago.

"Aquí temos o delicioso plátano macho como lle chaman aquí, que se acompaña con salsa de tomate e o aliño ao gusto. Esa é a receita do patacón. E ese é o delicioso tamal colombiano".

"A min correspóndeme a sobremesa, que é moi típica a oblea bañada con doce de leite, marmelada de mora con queixo relado costeño", explican dúas mulleres colombianas.

Organizado pola Plataforma polo emprego e a unidade de atención ás migracións do concello, o festival vai pola undécima edición. É unha xornada para reivindicar a diversidade, a convivencia intercultural e a loita contra o racismo.

"Nós somos un colectivo de arxentinas que loitamos por visibilizar a memoria, a verdade e a xustiza, que é unha loita que nos ensinaron as nosas avoas da praza de maio, que para nós son un referente de loita", conta unha arxentina.

"A idea é mostrar que son veciños e veciñas de Compostela como os demais, que viven aquí e que teñen a súa cultura e a súas inquedanzas e queren amosarllas ao resto da cidadanía", sinala Miguel Fernández Blanco, presidente da Plataforma polo Emprego e representante do Foro Galego da Inmigración.

"Santiago é unha cidade multicultural, diversa, heteroxénea, colorida, en que a xente se sente ben acollida. Tamén axuda que sexa unha cidade de peregrinos. Ninguén se sente estranxeiro e iso axuda a que todos se sintan arroupados, coma na casa", explica Nidia Esther Aquino, paraguaia e coordinadora do festival.

Pola tarde continúa a festa con danza, poesía e actuacións musicais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade