OPINIÓN

Mercado de traballo en España: luces e sombras, por Maite Cancelo

G24.gal 27/10/2023 08:05

Luces

O número de ocupados en España aumentou en 209.100 no terceiro trimestre do ano con relación ao trimestre anterior (un 0,99 %). Con relación ao mesmo trimestre do ano anterior son 720 mil ocupados máis (un 3,5 %). Este aumento débese, sobre todo, á contratación das empresas e non tanto ao sector público (que só supuxo 28.600 empregos máis). Por sectores, o de servizos volve liderar a ocupación, con 138.700 (o 66 % do emprego xerado), co que a vinculación cos bos resultados do sector turístico en España é inevitable. En industria créanse 98.900 empregos novos, pero aínda estamos lonxe dos case tres millóns do ano 2008.

En total falamos de 21,26 millóns de persoas ocupadas, o maior rexistro desde o ano 2008.

Sombras

O paro subiu en 92.700 persoas neste terceiro trimestre (un 3,4 % máis que no trimestre anterior), cando o normal é que baixe nestes meses do verán. Ademais, máis da metade dos novos parados están no sector servizos, co paradoxo de que é o sector en que tamén aumenta máis a ocupación, sobre todo nesta época do ano. Con estes datos, a taxa de paro sitúase no 11,8 %, polo tanto, moi afastada do 5,9 % de media da UE, o cal nos sitúa na cola de Europa. Así, o número de parados en España contabilízase en 2,8 millóns.

Outra sombra: continúa a sangría nos autónomos, xa que neste trimestre se deron de baixa 60.200 e o número total se sitúa en pouco máis de tres millóns.

E continúa aumentando máis o paro feminino que o masculino, os parados de longa duración e os que buscan o seu primeiro emprego.

Unha explicación técnica do dato do paro

O crecemento da poboación activa é o que explica que poida aumentar o emprego e, á vez, aumente o paro. Así, as persoas en disposición de traballar aumentaron en máis de trescentas mil ata os máis de 24 millóns. Este dato vén a confirmar a imposibilidade do mercado español de proporcionar emprego ás persoas que buscan unha ocupación.

Problemas que persisten no mercado de traballo español

A estabilidade do emprego. A pesar da creación dos contratos fixos descontinuos, que reduciron a temporalidade no mercado de traballo, lembremos que estes traballadores non teñen garantido un mínimo de traballo ao ano, xa que dependen das necesidades das empresas, que, ademais, son distintas por sectores (por non falar da temporalidade no sector público, moito máis elevada que no privado). Ademais, non dispoñemos de datos oficiais para cuantificar o nivel de inactividade destas persoas nin o que cobran por desemprego, ao non computárense como parados.

O paro xuvenil. Como xa alertou Eurostat, ao 22 % dos mozos que teñen entre 15 e 29 anos gustaríalles traballar, pero non atopan un emprego, e o outro segmento que segue sendo máis prexudicado é o dos parados de longa duración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade