Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mellora nos incendios de Corme e de Camariñas, aínda en situación 2

Mellora nos incendios de Corme e de Camariñas, aínda en situación 2

Ambos incendios poderían ser intencionados: en Camariñas a veciñanza viu pasar unha moto cunha parella

O lume prendeu moi preto das casas e foi preciso evacuar varios veciños, que xa están de volta na casa

G24.gal 06/08/2025 14:36

Prometía un atardecer de foto pero o ceo tinguiuse dun negro que venceu o sol. Lume en Camariñas, na parroquia de Xaviña, pegado ás casas.

"Pasei medo e marchei da casa porque me viña o lume e morría queimada", conta angustiada unha veciña.

Van xa unhas 50 hectáreas queimadas. Evacuacións, caos, estradas cortadas e moitos medios que aínda así, fronte á voracidade das lapas, parecían poucos.

"Houbo xente da aldea, os veciños, xente das aldeas do lado, houbo brigadas que viñeron tamén de fóra", agradece outro veciño. 

Un axente recoñece que están "desbordados" porque houbo que repartir medios con Corme Aldea, no concello de Ponteceso, onde a noite se fixo longa. 

"Isto foi tremendo... as casas! A xente saíu pero as casas tivérono preto, preto. Foi horrible". "Os veciños tiráronse ás casas duns e outros. Veu xente de Corme, rapaces, maiores, todos a botar unha man porque ao primeiro as unidades estaban noutros lumes"  .

Van queimadas nesta parroquia de Ponteceso máis de 60 hectáreas e todo apunta a que o lume non prendeu por casualidade. 

"Viron pasar unha moto cunha parella e no momento que pasou xa empezou a arder", comenta un veciño.

"Hai que estar pendente porque ao ser intencionado porque non se sabe onde pode volver saltar. Onte estabamos en Xaviña e apenas a dez quilómetros volveron a prender outro, porque se prendeu, que dende aquí ata alí, a dez quilómetros, non era o de Xaviña", asegura Sandra Insua, a alcaldesa de Camariñas.

En Ponteceso levan seis dende o sábado. De feito, a Xunta chegou a falar de "atentados". Polo menos o vento é hoxe máis calmo pero os equipos de extinción non baixan a garda.

"Non me quero aventurar. Creo que está nese proceso de estabilización con ese moderado optimismo pero a realidade estanos dicindo que o vento está sendo bastante culpable de situacións que se viviron durante a tarde e a noite de onte, polo que non podemos estar seguros ata que realmente teñamos pechado o perímetro", advirte o Capitán Queipo, da UME de León.

Evolución incerta, moito traballo por diante e un panorama negro que dá pena mirar. 

Tamén se mantén activo un incendio no concello lugués da Fonsagrada, na parroquia de Meseiro. Iniciouse ás 15:30 deste luns e a estimación de hectáreas queimadas é de 120. Alí dous brigadistas de Asturias rescataron tres veciños que escaparan da casa a outra situada a uns quilómetros pola proximidade das lapas. O alcalde, Carlos López, confirmaba que non hai vivendas en perigo.

Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 9 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 7 avións.

Medio Rural informou de que están controlados os incendios en Mondariz-Riofrío e Vilardevós-Terroso, onde en total arderon 590 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade