Controlados os incendios das Pontes tras calcinar unhas 165 hectáreas en total
A chuvia que está caendo nas últimas horas axuda a extinguir o incendio das Pontes
Estabilizado o incendio de Vilavella, nas Pontes, e o de Cures, en Boiro
O incendio das pontes leva queimadas unhas 105 hectáreas e agora xa está controlado.
A situación está mellorando moito este mércores porque cambiou o tempo e está a chover, mesmo con intensidade por momentos da mañá, o que está axudando a extinguir este incendio.
De feito, xa a primeira hora da mañá se desactivara o nivel 2 porque as casas xa non estaban en perigo.
Segundo os datos que acaba de facilitar a Xunta de Galicia, este incendio sigue activo e alí sigue traballando un helicóptero, unha unidade técnica de apoio, tres pas, 11 motobombas, 20 brigadas, 8 axentes e catro técnicos.
Controlado o incendio de Vilavella, nas Pontes
Tamén nas Pontes de García Rodríguez está controlado o incendio que comezou contra as once da noite e que leva queimadas unhas 60 hectáreas. Alí está traballando dúas pas, 8 brigadas, 8 axentes e 1 técnico.
En total tres incendios forestais tiveron preocupados os veciños das Pontes
En total, tres incendios forestais tiveron preocupados aos veciños das Pontes, pola gran rapidez coa que se propagaron as lapas e pola proximidade a núcleos habitados. O lume estivo activo toda a noite.
As primeiras lapas iniciáronse na contorna do pantano da Ribeira e rapidamente, debido aos fortes refachos de vento, en pouco máis dunha hora estendéronse ata Cuíña, arrasando o monte ao seu paso.
No lugar da Cuiña foi unha das zonas onde máis preto das casas estivo, a uns cen metros. Numerosos medios desprazáronse ata o lugar para tratar de conter o avance do lume.
O que máis nos preocupaba e atormentaba era o vento que viñera cara as casas, porque o vento coa velocidade que trae aínda que haxa distancia ou un camiño o lume salta, e as charetas, había charetas por todas partes. Nós tiñamos os coches diante da casa e tivemos que botarlles auga. Como estaba todo tan seco podía ser que se incendiara noutro sitio sen querer.
Enseguida todos os medios viñeron, non houbo problema só a impresión que nos daba ver o fume e o lume tan cerca, pero tranquilos
Os focos orixináronse nun lapso de dúas horas e media e aínda seguen activos o declarado na zona de Ribeira Nova, que evoluciona favorablemente e o de Vilavella, xa estabilizado.
Segue estabilizado o incendio de Boiro
En Boiro segue estabilizado o incendio que leva ardendo xa varios días. Leva queimadas 2.200 hectáreas, segundo os datos da Consellería do Medio Rural.
Neste incendio seguen traballando 12 helicópteros, 15 avións, 5 unidades técnicas de apoio, 10 pas, 98 motobombas, 177 brigadas, 102 axentes e 10 técnicos.
Controlado o Incendio de Xustáns en Ponte Caldelas
Este incendio leva queimadas 380 hectáreas. Alí están traballando 10 helicópteros, 8 avións, 5 pas, 48 motobombas, 75 brigadas, 28 axentes e 5 técnicos.