Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medio Rural reitera que as axudas pola seca discriminan a Galicia e pide rectificación

Medio Rural reitera que as axudas pola seca discriminan a Galicia e pide rectificación

A Xunta vaise reunir cos afectados para consensuar unha posición común

Unións Agrarias cre que a solución pasa por que se cumpra a lei da cadea alimentaria

G24.gal 13/05/2023 20:18 Última actualización 13/05/2023 21:17

A Xunta insiste en que as medidas do Goberno para paliar a seca son discriminatorias e contrarias aos intereses de Galicia e pídenlle ao executivo que rectifique e cambie esta decisión o máis axiña posible.

Mentres, o secretario xeral de Unións Agrarias dixo, nunha entrevista nesta casa, que o problema dos gandeiros galegos non son as axudas senón os prezos, porque non se está respectando a lei da cadea alimentaria e están producindo a perdas.

Roberto García lembra que a carne de vacún se está pagando a 5,80 euros/quilo canal, por baixo dos 6,20 que marca a lei.

"Non pretendemos subir de xeito brutal o prezo ao consumidor pero si que o que paga o consumidor se reparta de xeito transparente para que cada elo da cadea teña a súa marxe de beneficio e polo tanto non poida haber un só becerro por baixo deses 6,20 que a propia Xunta di que custa producir un quilo de carne (...). Polo tanto, máis inspeccións, máis control e, sobre todo pedimos algo fundamental, que se cumpra a lei".

O conselleiro de Medio Rural, José González, reiterou este sábado que as medidas do Goberno son discriminatorias e electoralistas.

Asegura que o decreto non se refire só ás axudas pola seca senón tamén para paliar as consecuencias do incremento dos custos de produción derivados da guerra de Ucraína. 

"E aquí temos un problema moi grave nos nosos gandeiros de vacún de carne e de leite, houbo un incremento moi importante dos custos de produción e os prezos en orixe aínda non foron capaces de cubrir esa suba, polo tanto nós non entendemos esta discriminación e o que pensamos é que é unha medida electoralista anunciada xusto cando comeza a campaña electoral".

A Xunta vaise reunir cos afectados para buscar unha posición común e reclamarlle ao Goberno que rectifique esta decisión, contraria, di o conselleiro, aos intereses de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade