Medidas hipotecarias urxentes, por María Loureiro
O Consello de Ministros acaba de aprobar este martes un paquete de medidas voluntarias pactadas coa banca para aliviar a carga financeira de máis dun millón de fogares vulnerables ou en risco de vulnerabilidade, con accións dirixidas a familias cunha renda máxima de 29.400 euros que se estean vendo afectadas polo encarecemento das hipotecas.
As entidades financeiras terán agora un prazo dun mes para expresar a súa adhesión ou non a estes códigos voluntarios, co propósito de que as diferentes medidas se poidan poñer en marcha a partir do 1 de xaneiro do 2023. Os códigos son voluntarios, pero tras a súa adhesión pasan a ser obrigatorios para as entidades que o subscriban. O paquete hipotecario adoptado este martes polo Goberno inclúe, ademais, un real decreto con medidas xerais para facilitar o cambio de hipoteca de variable a fixo e para eliminar durante todo 2023 as comisións por amortización anticipada e cambio do préstamo hipotecario a tipo fixo.
Salvo cambios de última hora, hai dúas liñas de acción básicas, unha para familias vulnerables e outra para familias de clase media que poidan verse en risco de impago.
Segundo este documento, considérase que un hipotecado é vulnerable cando conta con rendas de ata tres veces o IPREM (25.200 euros), ten unha taxa de esforzo financeiro (a porcentaxe de ingresos que destina a pagar a hipoteca) do 50 % e, ademais, viu como esta taxa se incrementou un 50 % nos últimos anos. Cos cambios acordados entre a banca e o Goberno facilitarase a estes hipotecados a opción de reestruturar a súa préstamo cun tipo de xuro máis baixo durante a carencia principal -que supón deixar de pagar polo menos unha parte da cota hipotecaria- de 5 anos. En concreto, do euribor +0,25% pasarase ao euribor -0,1%. Ademais, ampliarase a 2 anos o prazo para solicitar a dación en pago da vivenda (entregar a casa ao banco a cambio de cancelar a débeda) e ábrese a porta a unha segunda reestruturación destes hipotecados.
A segunda liña de actuación consistiría en establecer un protocolo adicional para familias "de clase media que se poidan ver en risco pola subida dos tipos de xuro". Nestes casos as opcións que están encima da mesa resúmense en que os bancos conxelen as cotas durante un ano, permitan alongar o prazo das hipotecas se se encarecen máis dun 30 % e consomen polo menos o 40 % dos ingresos da familia; ademais de facilitar o cambio de préstamos de tipo variable a tipo fixo. Ao alongar o prazo do préstamo, a carga financeira vese inmediatamente reducida, unha medida de alivio que, aplicaríase sobre hipotecas a tipo variable asinadas a partir de 2012 para unha primeira vivenda.
Respecto ao cambio dunha hipoteca variable a unha fixa, e a eliminación de comisión destas operacións durante o ano 2023, hai tres formas de facelo: unha novación ou cambio das condicións, unha subrogación ou traspaso a outra entidade, e unha nova hipoteca.
Tamén, tal como se recoñece, crearase unha nova Autoridade de Defensa do Cliente (cuxa creación está prevista nun proxecto de lei tamén aprobado este martes polo Consello de Ministros) que terá entre os seus labores vixiar o cumprimento das medidas acordadas. Por agora so CaixaBank está disposta a subscribir estas medidas voluntarias, pero confiamos en que outras se unan no futuro, entendendo que agora deben apoiar os fogares en apuros; os mesmos que anteriormente pagaron o custosísimo rescate do sector bancario.