Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medidas que tomar ante un incendio se estás facendo deporte ao aire libre

Medidas que tomar ante un incendio se estás facendo deporte ao aire libre

Avisa, afástate do lugar e non entorpezas as vías dos equipos de extinción

Débese gardar moita distancia das zonas de carga dos medios aéreos

G24.gal 03/08/2025 14:16

Ante un incendio forestal a práctica de actividades ao aire libre na contorna esixe extremar as medidas de precaución, tanto pola seguridade dos deportistas como para facilitar os traballos dos equipos de extinción. As autoridades insisten en que a xente debe afastarse das zonas de lume e fume en canto poida e tamén dos lugares onde traballan os medios aéreos. 

O verán é a época de aproveitar os espazos naturais e as praias para practicar deporte ao aire libre. Pero cada vez que se declara un incendio forestal estas son tamén as zonas de traballo dos equipos de extinción. Os hidroavións e helicópteros precisan cargar auga con rapidez e en moitas ocasións deben facelo en espazos onde se practican deportes acuáticos. 

"Eu entendo que é moi vistoso poder ver un hidroavión ou un helicóptero cargando, pero é moi perigoso. A recomendación é non achegarse nunca a unha zona de carga. Se é nun pantano e estás practicando algún deporte acuático debes abandonar o máis rápido posible a zona", explica Juan Manuel Crespo Vázquez, técnico da Axencia Galega de Emerxencias.

Tamén no monte é preciso seguir en todo momento as indicacións das autoridades: sendeiristas e ciclistas deben consultar as alertas activas por lume e no caso de declararse un incendio, evitar calquera lugar onde estean traballando os equipos de extinción.

"Estamos nunha fin de semana complicada de incendios, as condicións climatolóxicas están sendo adversas e as recomendacións básicas se estás practicando deporte e ves lume son: primeiro avisar de que o hai por se ninguén avisou antes e despois intentar abandonar o lugar o máis rápido posible, por seguridade propia. Á xente gústalle moito ir mirar a zona e iso o que está dificultando é o acceso para os equipos de extinción. É básico deixar as vías libres para que os equipos poidan chegar o máis rápido posible e non entorpecer os labores", detalla Crespo.

Ademais de seren unha ameaza para o medio os lumes tamén supoñen un risco para a saúde porque as partículas do fume teñen consecuencias para o sistema respiratorio e cardiovascular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade