Publicador de contidos

Publicador de contidos

Matan dous membros da embaixada israelí nun evento no Museo Xudeu en Washington

Matan dous membros da embaixada israelí nun evento no Museo Xudeu en Washington

As forzas de seguridade detiveron un home no recinto mentres este berraba proclamas a favor de Palestina

Netanyahu di que o mundo está a ser testemuña do prezo terrible do antisemitismo e agradece aos EUA o seu apoio

Trump considera que o asasinato é obviamente froito do antisemitismo

(REUTERS / Jonathan Ernst) (REUTERS / Jonathan Ernst)
G24.gal 22/05/2025 08:49

Un home e unha muller empregados da Embaixada de Israel nos Estados Unidos foron asasinados a tiros este mércores pola noite no exterior do Museo Xudeu da Capital, en Washington, onde se estaba celebrando un evento do Comité Xudeu Americano (AJC).

Segundo a xefa de policía de Washington, Pamela Smith, ambos foron atopados inconscientes no lugar dos feitos. Tras disparar, o detido entrou no museo, onde foi detido polo persoal de seguridade. Posteriormente, identificouse o lugar onde se desfixera da arma e esta foi recuperada.

Na comparecencia, Smith afirmou que a investigación apunta a que o crime foi cometido por unha soa persoa. O sospeitoso, que identificou como un home de 30 anos residente en Chicago, foi visto nas inmediacións do museo pouco antes do ataque.

Smith admitiu que a policía non recibira ningunha información sobre a posibilidade de que se producise un acto terrorista ou delito de odio no evento. Ademais, confirmou que o sospeitoso non tiña antecedentes para supoñer que podería cometer un delito deste tipo. Segundo Smith, investigarán se ten vínculos con actos terroristas e se o motivo do ataque foi un crime de odio.

A secretaria de Seguridade Nacional dos EUA, Kristi Noem, foi dos primeiros cargos dos EUA en confirmar o ataque. Fíxoo a través dunha publicación en X: "Dous empregados da Embaixada de Israel foron asasinados sen sentido esta noite preto do Museo Xudeu de Washington DC (...) Estamos a investigar de forma activa e traballando para obter máis información".

Pola súa banda, o director do FBI, Kash Patel, informou de que se coordinaron co Departamento da Policía Metropolitana para coñecer máis detalles. Funcionarios da propia oficina local do FBI publicaron en redes que non existe unha ameaza para a seguridade pública na área, pero recomendan non achegarse para facilitar a investigación.

Así mesmo, o embaixador de Israel ante as Nacións Unidas, Danny Danon, cualificou xa o tiroteo como un acto malvado de terrorismo antisemita nunha publicación en X.

"Facer dano á comunidade xudía é cruzar unha liña vermella. Confiamos en que as autoridades estadounidenses tomen medidas enérxicas contra os responsables deste acto criminal. Israel seguirá actuando con determinación para protexer os seus cidadáns e representantes en todo o mundo", declarou Danon.

A fiscal xeral dos Estados Unidos, Pam Bondi, dixo tamén en X que se desprazou ata a zona xunto a Jeanine Ferris Pirro, fiscal federal adxunta do Distrito de Columbia.

"Oramos polas vítimas desta violencia mentres traballamos para coñecer mellor o que sucedeu", engadiu Bondi.

O director executivo do AJC, Ted Deutch, confirmou que o seu comité organizara este evento, que estaba destinado a reunir profesionais xudeus de entre 22 e 45 anos coa comunidade diplomática de Washington.

"Estamos devastados polo acto de violencia atroz ocorrido fóra do recinto", expresou Deutch.

Netanyahu e outros cargos israelís condenan o ataque cualificándoo como antisemita

O primeiro ministro de Israel Benjamin Netanyahu dixo este xoves a través dun comunicado que o mundo está a ser testemuña do prezo terrible do antisemitismo e a incitación salvaxe contra o Estado de Israel. Ademais agradeceu aos EUA a súa postura firme contra o antisemitismo.

Netanyahu anunciou tamén que ordenou aumentar a seguridade das representacións de Israel no estranxeiro.

O presidente de Israel Isaac Herzog dixo do crime que é un acto desprezable de odio e antisemitismo que acabou coa vida de dous mozos empregados da embaixada de Israel. "Os nosos corazóns están cos seres queridos dos asasinados e as nosas oracións inmediatas están cos feridos", dixo nunha mensaxe en redes sociais.

O presidente israelí dixo estar devastado pola noticia e asegurou que o terror e o odio non romperán o espírito do país.

O ministro de Exteriores israelí Gideon Saar asegurou que Israel está en contacto con Washington sobre o ocorrido e asegurou que os representantes israelís no mundo están especialmente expostos ao risco.

"Israel non se renderá ante o terror", dixo Saar nunha mensaxe.

Trump súmase ás condolencias e di que o ataque é obviamente froito do antisemitismo

O presidente dos EUA Donald Trump afirmou na madrugada deste xoves que o asasinato en Washington foi obviamente froito do antisemitismo.

"Estes horribles asasinatos en DC, baseados obviamente no antisemitismo, deben terminar, xa! O odio e o radicalismo non teñen cabida nos EUA. As miñas condolencias ás familias das vítimas. É tan triste que cousas como estas poidan suceder. Que Deus vos bendiga a todos!", publicou Trump na súa conta de Truth Social.

Os líderes europeos destacan que non debe haber espazo para o odio

A alta representante da Unión Europea para os Asuntos Exteriores e a Política de Seguridade, Kaja Kallas, declarouse este xoves "conmocionada" polo suceso e dixo que "non hai nin debe haber espazo para o odio, extremismo ou antisemitismo" na sociedade.

Tamén se pronunciou sobre o ataque Jean Noël Barrot, ministro francés de Exteriores. Nas súas redes sociais, dixo que se trata dun "acto odioso de barbarie antisemita". "Nada pode xustificar tanta violencia", engadiu.

Pola súa banda, o ministro italiano de Exteriores, Antonio Tajani, asegura a través de X que incidentes como este deben "ser condenados enerxicamente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade