Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel dispara en Cirxordania contra diplomáticos de 24 países, entre eles un de España

Israel dispara en Cirxordania contra diplomáticos de 24 países, entre eles un de España

A delegación participaba nunha visita organizada polo Ministerio de Exteriores de Palestina

O Goberno de España convoca o encargado de negocios da embaixada de Israel para protestar polo ataque

Varios países europeos piden explicacións polo ataque

G24.gal 21/05/2025 17:25

Diplomáticos de 27 países europeos, americanos, árabes e asiáticos participaban na visita organizada polo Ministerio de Exteriores palestino á localidade de Yenín, no norte de Cisxordania ocupada, contra a que abriu fogo o Exército israelí.

Segundo a lista actualizada ofrecida polo ministerio organizador da viaxe, había representantes a Oficina da Unión Europea e de 14 países desta organización: Portugal, Austria, España, Lituania, Polonia, Romanía, Francia, Holanda, Finlandia, Italia, Alemaña, Dinamarca e Bélxica. Tamén do Reino Unido e Irlanda. O diplomático español resultou ileso. Pertence ao Consulado Xeral de Xerusalén.

Nas imaxes distribuídas por Exteriores palestino, vese como un dos diplomáticos, o xefe da oficina de representación de Marrocos en Palestina, Abderrahim Mouziane, fala cun xornalista que lle está facendo unha entrevista a cámara. O diplomático marroquí atópase diante dunha barreira metálica das que adoita colocar o Exército israelí para restrinxir a entrada a unha zona determinada, cando se empezan a escoitar disparos. Entón, vense varios membros da delegación encamiñándose cara aos seus vehículos para abandonar a zona.

No vídeo, de 45 segundos, escóitanse sete disparos. Noutro do momento vídeo difundido por Exteriores palestino vese como detrás da barreira, ao fondo, polo menos dous uniformados israelís encañonan os seus fusís cara á delegación e disparan. Á visita acudiron unhas 30 persoas -entre diplomáticos e xornalistas- e estaban convidados os países que teñen representación diplomática nos territorios palestinos.

Nun comunicado, o Ministerio de Exteriores palestino afirma que a visita fora organizada para "observar as condicións humanitarias e os crimes e violacións cometidas polas forzas da ocupación na zona". Tras o ocorrido, o Exército israelí acusou a delegación diplomática de "desviarse da ruta aprobada", polo que os soldados dispararon tiros de "advertencia" para distancialos.

"As Forzas de Defensa de Israel lamentan os inconvenientes causados", dixeron as forzas israelís nun comunicado, no que destacaron que ninguén resultou ferido no incidente, que ocorreu nunha "zona de combate activa".

Protesta do Goberno de España

O Goberno vai convocar o encargado de negocios da embaixada de Israel para protestar polo ataque do Exército israelí.  A citación foi cursada ao encargado de negocios da embaixada de Israel porque en España non hai embaixador deste país desde maio de 2024, cando foi retirado polo Goberno de Benjamín Netanyahu tras anunciar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que recoñecería o Estado de Palestina.

A través da rede social X, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, condenou esta acción "inaceptable" das Forzas Armadas israelís, que abriron fogo durante unha visita ao campo de refuxiados desta localidade da Cisxordania ocupada.

"Israel debe cumprir todas as súas obrigacións segundo o dereito internacional", subliñou o xefe da diplomacia española.

Varios países europeos pediron este mércores a Israel explicacións e que investigue o sucedido. Polo momento, Italia, Portugal, Francia e Uruguai convocaron ao embaixador israelí para pedir explicacións.

"Que Israel rinda contas"

A alta representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores, Kaja Kallas, pediu a Israel que investigue o "incidente" e tamén "que rendan contas os que son responsables disto".

Kallas agregou nunha rolda de prensa que "calquera ameaza contra a vida de diplomáticos é inaceptable", e lembrou a Israel a súa "obrigación de garantir a seguridade de todos os diplomáticos estranxeiros" como signatario da Convención de Viena.

Pola súa banda, o secretario xeral da ONU, António Guterres, dixo estar "alarmado":

"Sexan disparos de advertencia ou do que sexa, isto é inaceptable (...). Está claro que os diplomáticos estaban a facer o seu traballo, e xamais deberían ser disparados ou atacados de ningún xeito. A súa seguridade debe ser garantida en todo momento", dixo hoxe o portavoz de Guterres, Stéphane Dujarric, na súa rolda de prensa diaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade