A Xunta deixa en suspenso o tramo do Bosque de Conxo da senda entre O Milladoiro e a estación
O Executivo autonómico anuncia que, "dada a oposición do Goberno municipal de Santiago" os fondos irán destinados a outro concello

A Xunta deixa en suspenso o tramo da senda que afecta o Bosque de Conxo e destinará os fondos a outro municipio. O Goberno que dirixe Alfonso Rueda anunciou este mércores que, tendo en conta da "oposición do goberno municipal", deixará en suspenso o tramo do eixo de mobilidade "sostible" que proxectaba entre Milladoiro e a estación intermodal "ao seu paso polo Banquete de Conxo", dando continuidade ao itinerario ciclista en execución a través da Rúa Benéfica e Ramón Baltar.
Fontes da Consellería que se ocupa da planificación de infraestruturas ratificaron esta decisión na mesma xornada na que transcendeu o informe desfavorable que asinou Carmen Martínez Insua na mesma xornada na que o Executivo autonómico aprobou o seu cesamento como Directora Xeral de Patrimonio Cultural.
Tras este informe, relativo ao último proxecto modificado que presentou a Xunta, proposto, lembra a Consellería, para "afastar o paso polo Banquete de Conxo e buscar o consenso social", a Xunta estudará un documento que, remarca, "é desfavorable por pedir maior detalle nas solucións construtivas e que sería emendable".
A Consellería agrega que garante que "en ningún caso" acometerá obras que "poidan poñer en perigo o patrimonio cultural", á vez que recalca que, en calquera caso, "permanece vixente o proxecto orixinal que conta con todos os informes sectoriais favorables".
Con todo, remarca que, "dada a oposición do goberno municipal", suspenderase o tramo da senda "ao seu paso polo Banquete de Conxo" e os fondos derivaranse "a outra actuación de mobilidade sostible noutro concello".
"Pérdese así a oportunidade de contar cunha conexión ciclista e peonil segregada do tráfico rodado entre Santiago e Milladoiro, e de que zonas como o propio Banquete de Conxo sexan accesibles para persoas con mobilidade reducida", conclúe a Xunta.