Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden case 20 anos para o home que matou a golpes a parella en Baiona e estivo unha semana fuxido

Piden case 20 anos para o home que matou a golpes a parella en Baiona e estivo unha semana fuxido

A Fiscalía solicita a inscrición do ADN do acusado na base de datos policial pola súa perigosidade

O falecemento non foi inmediato, senón que «houbo un período de supervivencia de entre 12 e 18 horas», en que o acusado nin solicitou asistencia sanitaria nin axudou a muller

Prisión provisional para o suposto autor do crime machista de Baiona

Garda Civil Garda Civil
G24.gal 02/06/2026 17:20

A Fiscalía solicita penas que suman case 20 anos de cárcere para Humberto G.R., a quen acusa de matar en Baiona a súa parella, Estela.

Acusado e vítima tiñan unha relación, que mantiveron a pesar de que el tiña unha orde de afastamento dela ditada en abril de 2024 polo Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.

O crime ocorreu na madrugada do 8 de novembro, estando ambos no domicilio familiar del.

Segundo a Fiscalía,  Humberto golpeou a Estela na cara, apertoulle o pescozo, tapoulle o nariz e a boca coa man e suxeitouna con forza para inmobilizala. Ademais, golpeoulle a cabeza, polo menos tres veces, de forma «contundente», contra unha superficie lisa, o que lle causou unha hemorraxia interna que acabou por provocarlle a morte.

O falecemento, non obstante, non foi inmediato, senón que «houbo un período de supervivencia de entre 12 e 18 horas», en que o acusado nin solicitou asistencia sanitaria nin adoptou ningunha medida para auxiliar Estela.

Ademais, a Fiscalía explica que Humberto a introducira no consumo de estupefacientes, xerando nela unha situación de dependencia, illamento persoal e desvinculación do seu círculo familiar e afectivo. O acusado aproveitou esa situación de vulnerabilidade para exercer sobre ela unha dinámica de control e sometemento, que anulou a súa vontade e «a mantiña nun ciclo de violencia do que non puido escapar».

Seis días agochado despois do crime

Tras o crime, o acusado chamou os servizos de Emerxencias e alegou que atopara a muller ferida e que a metera na súa casa. Non obstante, en canto os sanitarios chegaron e confirmaron o falecemento, o home desapareceu, afirmando que el non ía «comer ese marrón».

Durante seis días permaneceu agochado nunha especie de alpendre na parroquia de Belesar, en Baiona, na mesma zona onde se produciu o crime. Con todo, a presión policial e a falta de alimentos levárono a renderse e acabou chamando a súa nai para entregarse. Foi a propia nai quen alertou do seu paradoiro a Garda Civil.

O  Ministerio Público acúsao dun delito de homicidio coas agravantes de xénero, parentesco e abuso de superioridade, e dun delito de quebrantamento de medida cautelar. Así, pide penas que suman 19 anos e 9 meses de cárcere, ademais da medida de liberdade vixiada durante 5 anos tras saír de prisión; e a prohibición de achegarse aos pais e á irmá da vítima, así como á súa filla (que tiña 9 anos no momento do crime e cuxa custodia exerce o seu pai) durante 31 anos.

En concepto de responsabilidade civil, solicita que indemnice os pais e a irmá da vítima en cantidades que suman 161.000 euros, así como con 182.000 euros a filla de Estela.

Ademais, a Fiscalía expón que, «dado o contexto dos feitos, a súa forma de execución, así como a personalidade e perigosidade criminal evidenciadas polo acusado», e tendo en conta que existe «un perigo fundado de reiteración delituosa», resulta conveniente a inscrición do identificador de ADN de Humberto G.R. na base de datos policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade