Coñécense no Camiño de Santiago e repiten logo de dous anos
Peregrinas do Canadá e dos Estados Unidos trabaron amizade cando coincidiron na ruta portuguesa e agora repiten con máis amigas coas que queren compartir experiencia
O Camiño de Santiago fixo que, hai dous anos, dúas peregrinas canadenses coñecesen outras dúas estadounidenses. Forxaron amizade e quedaron para volver repetir experiencia. Desta volta canda elas viñeron outras catro. Están facendo o Camiño do Norte.
A peregrina Jenn McDermott, dos Estados Unidos, indica que no Camiño "é fácil falar de experiencias, da vida". Pola súa banda, Kimberly Steffen, tamén estadounidense, considera que "á xente que encontrei no Camiño de Santiago gústalle viaxar e as cousas diferentes".
Karen Reich é canadense. Valora especialmente que mentres fai o Camiño pode conversar, desconectar do traballo, da vida e reflexionar sobre o que necesita cambiar.
“Estou a vivir unha experiencia encantadora na natureza e celebrando a vida”, manifesta.
Como guía acompáñaas Cristina. Asegura que o Camiño de Santiago é máis ca un percorrido. "É camiñar, parar e encontrarse con un mesmo".
Chegan o luns a Santiago, pero xa saben que dentro de dous anos van volver.