Publicador de contidos

Publicador de contidos

Matan a tiros unha egua preñada no Barbanza, despois de roubar uns 60 cabalos

Matan a tiros unha egua preñada no Barbanza, despois de roubar uns 60 cabalos

O dono da besta perdeu tamén cinco eguas, que lle levaron, catro de pura raza galega

Os gandeiros, desesperados, ameazan con deixar de criar cabalos e abandonar o monte 

G24.gal 06/02/2026 14:35

Imaxe desoladora da egua coa cría ao lado, un poldro que morreu xa antes de nacer. Fai dano nos ollos.

"Vaite a moral ao chan. Vaite a moral ao chan. Ves a egua, vela cun disparo, ves a cría que xa estaba lista para o parto e cáeche a alma ao chan", confesa desolado Enrique Laranga, o dono do animal.

Buscan o responsable e buscan respostas, aínda que pouca explicación pode haber para esta barbarie. 

"Parece que esteamos no Oeste. Non falamos de algo illado. Hai uns anos atrás apareceron neste mesmo monte uns cabalos mortos a tiros, en pleno monte, sen máis", engade Laranga.

Con este animal, a quen queira que fora, fóiselle a man, pero na Serra da Barbanza levan meses xa perdendo reses.

"Fáltanme catro cabalos de pura raza galega, catro eguas de ventre, próximas a parto agora no mes de marzo, e máis unha egua mestiza. Bastante diñeiro", lamenta o propio Enrique.

"A min faltáronme algunhas reses aquí no monte da Barbanza. Tanto a min coma a outros compañeiros fáltannos moitos animais e non sabemos para onde marchan e tampouco quedan pegadas delas", coincide Roberto García, outro gandeiro.

En total, botaron en falta uns 60 cabalos en non moito tempo. Demasiada perda económica e tamén golpe emocional para quen coida dos animais e do monte.

"Dan ganas de vender todo e punto. Isto vaise acabar e, se faltan os animais no monte, só vai haber incendios. Vai ser unha fauna salvaxe", advirte o gandeiro.

"É a mellor rozadoira natural que hai. Se faltan os cabalos, en pouco tempo todo será matogueira. De feito, por onde se pode camiñar no monte é por onde pastan os cabalos", coincide o seu compañeiro.

A Garda Civil investiga se detrás hai un grupo organizado que rouba os animais para vendelos no mercado negro. Xente que coñece o monte e que busca lucrarse. O asañamento con esta besta é outra historia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade