Publicador de contidos

Publicador de contidos

Maruja Torres recibirá en Pontevedra o Premio Feroz de Honra 2027

Maruja Torres recibirá en Pontevedra o Premio Feroz de Honra 2027

Para o comité organizador dos Feroz, "facer cine non é máis que unha continuación de facer crítica ou, de maneira máis xeral, de simplemente escribir sobre cine" e o xornalismo, como o propio cine, "é unha toma de postura ética e política"

Foto de arquivo (Alberto Ortega /Europa Press) Foto de arquivo (Alberto Ortega /Europa Press)
G24.gal 04/11/2026 12:23

A xornalista e escritora Maruja Torres recibirá o Premio Feroz de Honra 2027, segundo anunciou este mércores a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).

Recollerá a estatuíña na décimo cuarta gala destes galardóns, que se celebrará o sábado 23 de xaneiro en Pontevedra.

A organización destes premios destacou a cinefilia, o labor como crítica de cine e o exercicio do xornalismo de Torres (Barcelona, 1943), facetas todas elas nas que sempre traballou "con liberdade, compromiso e carisma".

Para o comité organizador dos Feroz, "facer cine non é máis que unha continuación de facer crítica ou, de maneira máis xeral, de simplemente escribir sobre cine" e o xornalismo, como o propio cine, "é unha toma de postura ética e política".

"Disto, sen dúbida, sabe moito a Maruja Torres xornalista, escritora, novelista, cronista de guerras afastadas, guionista e, en efecto, crítica e, por iso, cineasta, antes que só cinéfila", subliñan os responsables destes galardóns.

Destacan ademais no comunicado que Maruja Torres é unha "muller feroz" que comezou a ser quen é grazas aos seus primeiros traballos na revista Fotogramas.

Da man de compañeiros de viaxe como Terenci Moix, "fixo do cine o seu escudo, a súa morada, a súa razón e a súa maneira de asomarse á vida dos outros", engaden.

O seu Premio Feroz de Honra, sentencian desde a AICE, "é un premio á profesión orgullosa de tela como referente" e un recoñecemento coherente cunha arte, o cine, e un oficio, o xornalismo, "cuxo sentido non é outro que dar sentido".

Maruja Torres será a primeira xornalista que se une á lista dos ilustres galardoados co premio honorífico dos Feroz, que ao longo das súas trece edicións se entregara a cineastas, actrices ou actores.

Antes ca ela recibírono os intérpretes Marta Fernández-Muro, Mónica Randall, Victoria Abril, Julia e Emilio Gutiérrez Caba, Verónica Forqué, Rosa María Sardà e José Sacristán; e directores como Pedro Almodóvar, Cecilia Bartolomé, Chicho Ibáñez Serrador, José Luis Cuerda, Carlos Saura e Jaime Chávarri.

En Pontevedra, a cidade que acolle os Feroz por terceiro ano consecutivo, haberá un ciclo de cine no que se programarán as películas favoritas da propia Torres e, nos días previos á gala, será a protagonista dun encontro co público.

Maruja Torres naceu no barrio barcelonés do Raval, onde fixo amizades que marcaron toda a súa vida, como as que tivo cos escritores Terenci Moix, Manuel Vázquez Montalbán e Carmen Kurtz, cos que compartía a paixón polo cine.

Ao longo da súa carreira cubriu moitos acontecementos da historia contemporánea, foi correspondente de guerra no Líbano, Panamá e Israel, e cos seus libros Mientras vivimos e Esperadme en el cielo gañou o Premio Planeta no ano 2000 e o Nadal en 2009.

Comezou no xornalismo aos 21 anos, traballando como secretaria de redacción en La Prensa, e pronto colaborou en diversas publicacións máis, como as revistas Garbo, Fotogramas, Por Favor, El Papus, La Calle e, entre 1979 e 1981, en dúas cabeceiras clave da época: o diario Tele/ eXprés e Mundo Diario.

Colaboradora e columnista do diario El País durante moito tempo, traballou tamén para TVE, Diario 16 e ElDiario.es.

Ademais, Torres é coautora con Carles Mira do guión da película El rey del mambo (1989). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade